_Destaca o bo traballo que se está a facer na tecnificación e destaca no papel das mulleres subliñando a tres deportistas: Ruth Lorenzo como unha das karatecas máis recoñecidas de Galicia e adestradora do NADE, así como Eva Rodríguez e Uxía Folgueira, bronces na Youth League de Coruña en 2023 e 2024, respectivamente
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Gran Final da Liga Nacional de Karate que se celebrará en Pontevedra esta fin de semana, do 13 ao 15 de decembro, onde se darán cita os mellores clasificados do ránking nacional tras a celebración das xornadas previas de clasificación. Alí, o mandatario galego subliñou o excelente momento que atravesa o karate galego con especial protagonismo feminino, xa que entre os mellores karatecas do país haberá “24 representantes galegos de once clubs de Galicia, sendo 13 mulleres e 11 homes”.
Ao fío desta situación, Lete lembrou que dentro destes 24 representantes galegos e galegas na Gran Final da Liga Nacional, hai cinco recoñecidos no alto nivel de Galicia -que vén de acadar o seu récord histórico con 1.456 persoas recoñecidas sendo 12 da Federación Galega de Karate- e sete pertencentes ao Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que a propia federación ten na Universidade de Santiago de Compostela. Neste sentido, o secretario xeral valorou moi positivamente o traballo que se está a facer na tecnificación e no alto nivel nos deportes de combate galegos e, especialmente no karate.
Entre estes karatecas destacados, Lete Lasa resaltou os nomes de Ruth Lorenzo Couso, cunha ampla traxectoria como unha das deportistas máis recoñecidas de Galicia e adestradora do NADE, e fitou ao futuro con esperanza facendo fincapé nos nomes de Eva Rodríguez ou Uxía Folgueira, que acadaron cadansúa medalla de bronce nas dúas edicións consecutivas da Youth League -2023 e 2024- que tiveron lugar na Coruña, sendo esta a competición máis importante do mundo en categorías inferiores.
Tras este repaso pola actualidade do karate galego, Lete Lasa destacou que Galicia seguirá puxando porque o karate volva ser olímpico, tras a súa inclusión nos Xogos de Toquío 2020. Así, lembrou como o karate xa estivo no programa do Centro Galego de Tecnificación Deportiva entre os anos 2018 e 2023 e asegurou que, nas vindeiras tempadas, o karate verase beneficiado do crecemento do alto nivel de Galicia e da conversión do CGTD nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento.

