_Os partidos terán lugar o vindeiro domingo 15 no pavillón municipal de Pontevedra que, nesta semana, tamén acolle o Torneo EncestaRías con algúns dos mellores equipos masculinos de Europa
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do I Memorial Maite Méndez que organiza o Club Baloncesto Arxil e que terá lugar no Pavillón Municipal de Pontevedra o vindeiro domingo 15 de setembro.
O mandatario galego lembrou a figura de Maite como unha das maiores impulsoras do deporte feminino galego e que creou o Arxil en 1984 xunto ao seu marido Lino Vázquez e Milagros Sanmartín. Lete Lasa lembrou o desgraciado pasamento da adestradora pontevedresa no pasado mes de abril pero puxo en valor o seu enorme legado que a Xunta de Galicia recoñeceu outorgándolle a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia en xaneiro deste mesmo ano. Neste sentido apuntou que Maite foi peza chave no ascenso do Arxil á Liga Feminina Challenge -segunda máxima división estatal- e asegurou que a mellor maneira de honrar a súa memoria e que “o equipo dos seus amores comparta cartel con tres equipos de máximo nivel: o Sanjoanense, que vén de ascender á máxima división portuguesa; o Ensino, que estivo a piques de clasificarse aos playoffs da Liga Feminina; e o Perfumerías Avenida, campión de Copa e subcampión de Liga”.
O responsable da carteira de Deportes subiñou que o excelente momento do baloncesto galego e, nomeadamente, do baloncesto feminino que xa conta con preto do 40% das preto de 18.000 licenzas coas que conta a federación galega. Isto débese, dixo, ao traballo de moitos anos e de xente apaixoada como Maite. Do mesmo xeito tamén sinalou que nesta mesma semana pasarán polo pavillón municipal de Pontevedra algúns dos mellores equipos de Europa xa que, ademais do memorial Maite Méndez, o Torneo EncestaRías conta coa participación de equipos como o Mónaco, e o Valencia Basket, xunto aos dous equipos galegos na máxima categoría: o Breogán e o Leyma Coruña; así como o Dream Game que desputaron no día de onte o propio Mónaco contra o Real Madrid.
Máis polo miúdo, o I Memorial Maite Méndez constará de dous partidos. En primeiro lugar, ás 16 horas, xogará o Arxil contra o Sanjoanense e, a continuación, ás 18,30 horas, saltarán á cancha o Ensino e o Perfumerías Avenida. O Arxil seguirá completando a súa pretemporada na fin de semana seguinte, cando se medirá na cancha do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Spar Gran Canaria (sábado 21 ás 19,30 horas) e ao Celta Zorka (domingo 22 ás 12,00 horas), outros dous equipos da máxima división nacional.

