Lete destaca a Rodrigo Corrales como “un dos mitos fundacionais do balonmán galego e cangués” e gaba a súa carreira na que locen dúas medallas olímpicas

adminON
Lectura mínima de 2

_Fai fincapé na inmaculada bagaxe olímpica do porteiro que suma dous bronces nas súas dúas participacións nuns Xogos, os de Toquío e os de París

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da estatua conmemorativa pola traxectoria deportiva do porteiro galego da selección española, Rodrigo Corrales. O monumento foi colocado no xardín de acceso ao Pavillón do Gatañal, onde xoga os seus partidos o Club Balonmán Cangas no que Rodrigo deu os seus primeiros pasos no deporte ata a súa marcha en 2005.
O mandatario galego destacou ao porteiro como “un dos mitos fundacionais do balonmán galego e cangués” e destacou a súa traxectoria na que defendeu a portería de grandes equipos europeos como o Barcelona, o Paris Saint Germain ou o Veszprem húngaro, o seu equipo actual. Ademais, Lete Lasa subliñou o seu gran palmarés coa selección española, sendo unha peza fundamental de ‘Los Hispanos’ cos que acadou sete medallas: dous ouros europeos, dúas pratas e un bronce mundiais e dous bronces olímpicos. Neste sentido, o secretario xeral fixo fincapé na inmaculada bagaxe olímpica do porteiro que suma dúas medallas nas súas dúas participacións nuns Xogos, os de Toquío e os de París.
Este brillante currículo olímpico, dixo Lete Lasa, é algo común nos deportistas cangueses como demostra outro monumento dedicado aos olímpicos da vila en Aldán no que se recollen os sete nomes propios do municipio do Morrazo que participaron nuns Xogos. Eles son os padexeiros David Cal, Teresa Portela, Carlos Pérez ‘Perucho’, Sonia Molanes e Rodrigo Germade, o futbolista Iván Villar e, como non, o xogador de balonmán, Rodrigo Corrales. Ademais, apuntou o secretario xeral, entre todos eles suman 12 medallas olímpicas e sete diplomas olímpicos conseguindo que unha vila de apenas 26.000 habitantes supere no medalleiro histórico a países como Uruguai, Serbia ou Porto Rico.

Comparte este artigo