_Cifra en preto de 1.500 as licenzas de deportistas con discapacidade, das que unhas 500 corresponden á Federación de Deporte Adaptado, destacando a súa inclusión
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación das ligas de fútbol sala e baloncesto de Special Olympics, unha entidade á que felicitou polo seu “enorme traballo e por estas ligas nas que 235 deportistas e adestradores que se xuntarán para vivir o deporte como vector dunha integración social activa”.
Neste sentido, Lete Lasa destacou a importancia crecente que adquire o deporte adaptado na sociedade, e lembrou que a pasada semana tamén participou nas Xornadas de Sensibilización en Centros Educativos sobre deporte inclusivo organizadas pola Fundación Enki, nas que participan máis de 1.200 nenos e nenas de 29 centros educativos.
O secretario xeral puxo en valor o botín de 37 medallas e 59 diplomas que teñen conseguido os 31 deportistas galegos nos Xogos Paralímpicos dende Sídney. Ademais cifrou en preto de 1.500 as licenzas de deportistas con discapacidade, das que unhas 500 corresponden á Federación Galega de Deporte Adaptado, polo que a inclusión de moitos deportistas nas súas respectivas federacións é un feito.