López Campos anuncia o remate das obras de restauración da Peregrina a principios de agosto

Redacción
  • O titular de Cultura do Goberno galego destaca o comezo xa da retirada das estadas, que se concluirá de xeito completo a finais deste mesmo  mes
  • Pon en valor o investimento da Xunta de máis de 300.000€ para resolver patoloxías causadas polas humidades que afectan sobre todo as fachadas
  • Celebra que as actuacións estean concluídas a principios do mes que vén para que “se poida gozar das tradicionais festas na súa honra co esplendor que merece”
  • Salienta a implicación do seu departamento coa conservación de “bens significativos” de Pontevedra, “como a basílica de Santa María a Maior, rehabilitada con 550.000€”
  • Encadra estas restauracións no compromiso do Executivo autonómico “coa conservación, mantemento e posta en valor do valioso patrimonio de Galicia”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que obras de restauración do santuario da Virxe da Peregrina en Pontevedra “entran xa na súa recta final coa previsión de telas rematadas a principios de agosto, tras un investimento da Xunta de máis de 300.000€”. Así o adiantou na visita realizada a este Ben de Interese Cultural, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Pablo Fernández.

Precisamente, o responsable de Cultura do Goberno galego informou de que xa se están a comezar a retirar as estadas, “co obxecto de que non quede ningunha a finais deste mesmo mes”. Deste xeito, celebrou a previsión de que as obras estean rematadas a principios do mes que vén para que veciñanza e visitantes ”poidan gozar das tradicionais festas na súa honra co esplendor que merece este valioso patrimonio”.

Neste senso, o conselleiro puxo en valor a intervención realizada pola Xunta para a súa preservación e que consistiron en resolver as patoloxías causadas polas humidades que afectan principalmente á cuberta e ás fachadas. Con este propósito, segundo precisou, as obras centráronse na substitución da cuberta de chumbo por unha de zinc, impermeabilizacións, reparación de canlóns, protección das gárgolas e o cambio da pasarela de madeira de acceso á cuberta por unha metálica. Ademais, tamén se estivo actuando na restauración dos elementos escultóricos, como son a balaustrada, os pináculos, as cornixas e tamén as imaxes da virxe da Peregrina, Santiago, san Roque e a da Alegoría da Fe.

López Campos salientou a importancia desta actuación para manter nun estado de conservación “óptimo e axeitado” un “ben sobranceiro, simbólico e querido pola veciñanza de Pontevedra”. Nesta liña, enxalzou a relevancia “cultural e turística” deste inmoble, xa que asegurou que se ten convertido nunha “visita imperdible por parte de toda aquela persoa que quere coñecer a cidade e a provincia”.

Actuacións en bens significativos de Pontevedra

O conselleiro lembrou que este investimento forma parte das actuacións de restauración do seu departamento en “bens significativos” do patrimonio da cidade de Pontevedra, entre as que citou a basílica de Santa María a Maior, ”ás que destinamos 550.00 euros e xa están rematadas para o desfrute de todos os pontevedreses, galegos e visitantes”. Consecuentemente, enmarcou estas actuacións na estratexia do Goberno galego para “reforzar o coidado e preservación nas mellores condicións da gran riqueza patrimonial desta cidade e de toda Galicia”.

O representante da Administración autonómica defendeu esta “importante partida” na conservación e restauración por parte do Goberno galego dos “valiosos bens culturais” que ten a cidade de Pontevedra, “que son unha mostra do coidado que recibe e recibirá por parte da Administración autonómica todo o patrimonio de Galicia”.

Precisamente, encadrou estas restauracións dentro do compromiso da Xunta de “conservación, mantemento e posta en valor dos nosos valiosos bens patrimoniais para que sigan contando a nosa historia ás novas xeracións”. Neste senso, destacou que Orzamentos de 2026 da Consellería de Cultura  reservan 22 M€ para área de Patrimonio ou os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro polo seu departamento.

Comparte este artigo