López Campos valora a singularidade do Festival de Cans para promover cinema e música desde o rural

Redacción

— Sinalou que o certame, que se celebra do 19 ao 23 de maio na aldea porriñesa, inclúese nas axudas autonómicas a eventos audiovisuais de carácter profesional


— Destacou a solidez do sector audiovisual e o potencial de Galicia para atraer rodaxes


— A programación recoñece e reúne voces destacadas do audiovisual galego como Jaione Camborda, Víctor Coyote, Bea Lema, Guillermo de Oliveira, Virginia Curiá, Diana Toucedo, Fon Cortizo, Hugo Amoedo ou Andrea Zapata


— Cans 2026 recibiu 235 obras inscritas, o segundo mellor rexistro da súa historia, e recupera a súa condición de festival puntuable para os Premios Goya

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o potencial do rural galego na difusión e dinamización cultural do que é mostra o Festival de Cans, ao que se referiu como “cita única caracerizada pola diversidade e calidade das propostas tanto audiovisuais como musicais que reúne profesionais do sector, veciñanza e afeccionados de toda Galicia”.
Realizou estas declaracións na presentación da 23ª edición do encontro que se desenvolverá do 19 ao 23 de maio na aldea do Porriño, nun acto no que por parte da Xunta estiveron tamén presentes a delegada territorial de Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, ademais doutras autoridades institucionais e responsables de firmas comerciais patrocinadoras. A cita, na que Alfonso Pato e Marta Pardo ‒da dirección do festival‒ detallaron a carteleira, tivo lugar no Torreiro de Cans, un dos epicentros do certame que se despregará gran parte da súa programación por alpendres, garaxes e adegas da parroquia, ademais de contar cos tradicionais desfiles de chimpíns como vehículos oficiais, convertidos xa nun dos seus sinais de identidade.
López Campos aproveitou a oportunidade para felicitar á organización do Festival de Cans, asumida pola Asociación Cultural Arela, da que resaltou o seu compromiso co cine galego “exercendo de escaparate e punto de encontro entre os mellores profesionais do sector e o gran público, que cada ano é maior”.
Investimento global de máis de 8M€
O titular de Cultura do Goberno galego deixou testemuño do apoio autonómico a Cans, canalizado a través das subvencións a festivais audiovisuais de carácter profesional, unha liña pola que o encontro porriñés recibe máis de 38.000 euros do total de 310.000 euros que se distribúen entre 11 eventos do sector. Lembrou tamén que esta convocatoria específica forma parte dos máis de 8M€ que a Xunta investirá durante 2026 para contribuír ao financiamento dos procesos de produción, rodaxe e distribución.

López Campos destacou, así mesmo, a solidez do sector audiovisual galego “con producións que compiten en igualdade con grandes proxectos internacionais” e fixo un percorrido polos últimos premios e recoñecementos acadados nos últimos meses neste ámbito. “Uns logros que nos fan seguir con máis forza para acadar unha maior internacionalización do sector e consolidar Galicia como un gran plató de rodaxe onde desenvolver proxectos de gran calado e mesmo potenciar o que nos identifica: a nosa lingua, cultura e tradicións”, expresou.

Talento galego con proxección internacional
O Festival de Cans celebrará entre o 19 e o 23 de maio a súa 23ª edición tras recibir 235 obras inscritas, o segundo mellor rexistro da súa historia, e recuperar a súa condición de certame puntuable para os Premios Goya. A competición oficial reunirá 13 curtametraxes nas seccións de Ficción e Animación, con ata 10 estreas e sete cineastas debutantes, xunto a once propostas na categoría Furacáns, dedicada á non ficción. As obras seleccionadas abordan temáticas como o medio ambiente, a saúde mental, a violencia de xénero, a memoria, o despoboamento, a identidade ou o universo LGTBI+, con linguaxes que van do drama social á animación, o terror, a comedia negra ou as narrativas híbridas. As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, na inauguración, e 360 curvas, de Alejandro Gándara e Adriana Silva, na sección de documentais, son algunhas das proxeccións galegas máis sinaladas.

Outros títulos destacados son a estrea en Galicia de Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; a estrea en España de El jardín de Yuriana, codirixida polo cineasta da Rúa Luis Solarat e Natalia Mejía e rodada na Amazonía peruana; El lago silente, de Varo López, gañadora da Biznaga de Prata do Premio do Público no Festival de Málaga; ou propostas de animación como Cátodo corazón, de Manu Sacoga, O mesmo, de Virginia Curiá, e O corpo de Cristo, de Bea Lema, adaptación da obra coa que a ilustradora galega gañou o Premio Nacional de Cómic. A edición deste ano lembrará o actor Celso Bugallo, recoñecerá as traxectorias de Jaione Camborda, Premio Pedigree de Honra, e de Janet Novás, Paco do Burato e Víctor Coyote, que recibirán un Chimpín de Prata. O foco internacional estará dedicado ao portugués Paulo Carneiro.

A programación musical, tamén moi presente no programa de Cans, incluirá concertos de Nat Simons e Aurora Beltrán, Delafé DJ, Alana e De Ninghures.

Comparte este artigo