Máis de 370 alumnos de dez centros educativos desenvolven o programa Impulso Mentor, de preveción do abandono escolar na etnia xitana

Redacción
Lectura mínima de 3
  • A Xunta pon en marcha por primeira vez este curso esta iniciativa, dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria
  • Os estudantes reciben clases de reforzo fóra do horario lectivo e sesións de mentoría, individuais e grupais

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar a resolución do programa Impulso Mentor, unha iniciativa posta en marcha este curso pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, para a prevención do abandono escolar focalizada no alumnado de etnia xitana. Analizadas as solicitudes, son dez os centros seleccionados para desenvolver este proxecto, coa participación de máis de 370 alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da Educación Secundaria Obrigatoria.

Ao abeiro de Impulso Mentor, os centros desenvolven tres tipos de iniciativas: mentorías, sesións grupais e clases de reforzo fóra do horario lectivo. No caso das mentorías, cada centro selecciona entre tres e cinco alumnos para participar nun proceso de asesoramento e acompañamento en sesións individuais. No caso das sesións grupais, trátase de charlas de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural. Finalmente, o reforzo das competencias clave fóra do horario lectivo desenvólvese a través de titorías personalizadas e sesións de apoio educativo cunha duración de dúas horas semanais.

A relación de centros participantes é a recollida na seguinte táboa:

ProvinciaConcelloCentro
A CoruñaFerrolIES de Catabois
LugoMonforte de LemosCEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos
OurenseMasideCPI Terras de Maside
OurenseCEIP Plurilingüe Manuel Sueiro
VerínIES Xesús Taboada Chivite
PontevedraAs NevesCEIP Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé
PoioCEIP de Viñas
VigoIES Ricardo Mella
O PorriñoCEIP da Ribeira
O PorriñoIES Ribeira do Louro

Inclusión e motivación

O programa Impulso Mentor, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, ten como obxectivo motivar e acompañar ao alumnado desta etnia, evitando que abandone o sistema educativo. Para iso, preséntanselles referentes que melloran a súa confianza en si mesmos e que lles amosan as diferentes posibilidades de desenvolvemento académico e persoal.

Nesta mesma liña, a Consellería de Educación ten a disposición do sistema educativo unidades didácticas sobre o pobo xitano para promover o coñecemento da súa historia e riqueza cultural, adaptados ás etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO.

Comparte este artigo