- Permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro
- A previsión é que estea implantada en todo o territorio galego a finais deste ano
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, informaron hoxe en Marín e no Porriño das vantaxes da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, activa xa en 20 contratos de transporte da provincia de Pontevedra que suman máis de 750 liñas. Segundo sinalaron, a previsión é que estean cubertos o 100% dos desprazamentos interurbanos de toda a Comunidade a finais de ano.
Así, a solución, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando así a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro. O obxectivo é facilitar o acceso ao transporte público mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas de pagamento, que permitan mellorar a experiencia do usuario, aumentar a eficiencia do sistema e fomentar o emprego do transporte público como alternativa sostible. Deste xeito, as persoas usuarias dispoñen dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado. O saldo do moedeiro virtual pódese coñecer en cada momento e recargarse a través da APP móbil MoBT.
A aplicación, dispoñible tanto para os dispositivos Android como para Apple, ten tamén entre as súas funcionalidades a xestión do moedeiro con recarga en liña e un histórico de viaxes. Dispón ademais dun buscador avanzado con todos os servizos de transporte público de Galicia para facilitar a planificación multimodal dos desprazamentos.
Cobertura en Marín e no Porriño
No caso de Marín, nunha visita ao IES Chan do Monte, Judit Fontela e Damián Rey indicaron que os catro contratos que cobren o concello contan xa coa plataforma activa, sumando 25 liñas. A continuación desprazáronse ao Porriño, onde informaron que hai cinco contratos que inclúen preto de 80 liñas coa plataforma activa.
Judit Fontela e Damián Rey animaron a poboación destas áreas a descargar a plataforma e facer uso dela para beneficiarse de todas as vantaxes que ofrece. Ademais de nas áreas de Pontevedra, Vigo e O Morrazo, no conxunto de Galicia, a solución pódese utilizar xa na área metropolitana da Coruña, na comarca do Salnés, na Mariña de Lugo e na Terra Cha, así como en desprazamentos de longo percorrido entre Ferrol e Ourense, Ferrol e Vigo , Lugo e Vigo e no directo entre A Coruña e Lugo.

