Máis dun milleiro de persoas aspirantes a Policía Local realizarán os primeiros exercicios o próximo 27 de setembro

adminON
Lectura mínima de 4
  • O Diario Oficial de Galicia fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas para o acceso por oposición libre e as datas dos exames de avaliación de coñecementos e de lingua galega
  • Superadas todas as probas da oposición pola que optan a 101 prazas en 36 concellos, deberán facer un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública como parte da 18ª promoción de Policía Local, que comezará en xaneiro

As máis de 1.000 persoas aspirantes no proceso selectivo para Policía Local realizarán os primeiros exercicios o 27 deste mes no recinto feiral de Silleda, ás 10,00 horas, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia que tamén fai públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas.

A oposición libre contará con cinco exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado que se prevé celebrar a finais deste mes xunto coa proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas que estean exentas. Na listaxe de admitidos publicada hoxe na web da Academia Galega de Seguridade (Agasp) tamén se especifican as persoas exentas deste exercicio por contar con certificado de Celga 4 ou equivalente e as que deberán realizalo.

O proceso continuará coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal)  e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.

Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, na Academia Galega de Seguridade Pública e os futuros axentes formarán parte da 18ª promoción de Policía Local, que dará comezo en xaneiro. Cómpre aclarar que collerán o relevo do alumnado da 17ª promoción que xa se graduaron para ser nomeados funcionarios de carreira.   

Máis de 100 prazas en 36 concellos

A convocatoria oferta máis de 100 prazas para os corpos de Policía Local de 36 concellos galegos: A Coruña, Ames, Arteixo, Betanzos, Camariñas, Coristanco, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Noia, Santiago de Compostela e Teo, na provincia da Coruña; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Meaño, Nigrán, O Grove, O Rosal, Poio, Ponteareas, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Burela, Foz, Lugo e Viveiro e os ourensáns de Barbadás e Ourense.


Proceso de selección unitario

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, 101 deles -incluídas as sete cidades galegas – encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón máis do 80%.

Comparte este artigo