- Defendeu que a marca Galicia Calidade identifica a comunidade coa autenticidade, a excelencia e unha oferta turística con experiencias diferenciadas todo o ano
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta tarde na mesa de debate ‘Galicia compite tamén por relato, marca e comunicación’, na que compartiu reflexións con representantes de empresas galegas de referencia sobre o valor da marca Galicia como elemento de competitividade. O comisario do Xacobeo 2027 referiuse á preparación desta cita, que a Xunta ultima desde unha perspectiva planificada e participativa para consolidar un modelo de crecemento equilibrado.
“Encaramos o Xacobeo 2027 nun contexto de fortaleza turística e crecemento continuado do Camiño, desenvolvendo instrumentos como o Plan Director de Patrocinios, o decreto regulador da marca Xacobeo 2027 e o programa O teu Xacobeo”, sinalou ao tempo que apuntou a un obxectivo común: “un Xacobeo sustentable, descentralizado e participativo, que reparta os beneficios do turismo por todo o territorio galego e sirva como pulo definitivo para a economía e a proxección internacional de Galicia”, concluíu.
No marco do Encontro da Toxa 2026, durante a súa intervención, Marcos Gómez Román destacou que a fortaleza do destino Galicia susténtase nun modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sustentabilidade, un posicionamento avalado tanto pola excelencia da súa oferta como polos numerosos recoñecementos e certificacións acadados polo sector turístico galego.
“A marca Galicia Calidade reforza o posicionamento do destino baixo un concepto común que identifica a Galicia coa autenticidade, a excelencia, o respecto á contorna e unha oferta turística singular capaz de ofrecer experiencias diferenciadas durante todo o ano”, subliñou. Neste sentido, defendeu que “Galicia Calidade é a nosa marca país e funciona como un paraugas de identidade que engloba a excelencia dos produtos e tamén a calidade da experiencia turística”, afirmou.
O comisario do Xacobeo 2027 incidiu en que Galicia é un destino á medida de toda persoa que queira visitala, onde parte do seu atractivo reside precisamente na combinación de elementos que permiten vivir experiencias auténticas e singulares en comuñón co territorio e coa súa poboación: natureza, patrimonio, cultura, enogastronomía, turismo deportivo, astroturismo e termalismo, entre outros.

