Medio Rural inclúe nos orzamentos de 2025 máis de 4 M€ en investimentos en Lalín que beneficiarán a toda a Comarca do Deza

adminON
Lectura mínima de 4

― Máis da metade dos fondos comprometidos e orzamentados (2,5 millóns de euros) destinaranse ao edificio de servizos integrados da Consellería en Lalín

― Ademais, a construción da futura base aérea contra incendios forestais da capital comarcal suporá arredor doutros 1,7 millóns de euros na vindeira anualidade

― A maiores, este ano rematouse o acondicionamento das edificacións e parcelas da nave no polígono industrial de Botos, cun orzamento total de case 1,3 millóns

A Consellería do Medio Rural investirá no 2025 máis de 4 millóns de euros en diversas actuacións destacadas dentro da comarca do Deza e máis especificamente na súa capital, Lalín. Máis da metade dos fondos comprometidos e orzamentados (2,5 millóns de euros) destinaranse ao edificio de servizos integrados de Lalín, que suporá no seu conxunto un investimento total de arredor de 3,7 millóns de euros.

Estas instalacións, nas que xa se avanzou nas obras de estrutura, albergarán diferentes servizos da Xunta na capital do Deza, que permitirán prestarlle atención a cidadanía dun xeito máis eficiente. Así, nos seus máis de 2.100 metros cadrados de superficie e cinco plantas de altura, acollerá servizos básicos (administrativos, veterinarios, de infraestruturas agrarias e tamén de carácter forestal e de defensa do monte) para a poboación rural da contorna desta localidade.

As instalacións serán sede tamén doutras dependencias da Xunta, entre eles do servizo de rexistro público e propios da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e outros servizos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Asemade, disporá dunha planta soto cun garaxe para 24 prazas, vestiarios, almacéns e outros cuartos auxiliares.

Base aérea contra incendios
Outro dos investimentos consignados por Medio Rural no Deza para este 2025 é o referente á futura base aérea contra incendios forestais de Lalín, con arredor de 1,7 millóns de euros na vindeira anualidade. Esta infraestrutura situarase no polígono industrial Lalín 2.000, nunha parcela de máis de 17.000 m² cedida polo Concello. Ademais do heliporto propiamente dito, contará con zonas para a estancia das tripulacións e dos membros das brigadas helitransportadas.

Tamén en relación coa loita contra os incendios forestais, cómpre lembrar que a comezos deste mesmo ano rematouse o acondicionamento das edificacións e parcelas da nave da Dirección Xeral de Defensa do Monte no polígono industrial de Botos, no municipio de Lalín. As actuacións, que foron executadas cun orzamento total de case 1,3 millóns de euros, consistiron na implantación dun taller mecánico centralizado -para vehículos como todoterreos e motobombas- para parte do parque móbil desta dirección.

Outros investimentos de interese para os veciños da zona son os relativos á mellora de camiños. Neste sentido, cómpre lembrar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na área de Deza-Tabeirós preto de 700.000 euros en investimentos que permitirán actuar en diversas vías nos oito concellos destas comarcas.

Orzamentos de Medio Rural para o 2025
Os orzamentos da Consellería do Medio Rural para o próximo ano medran en conxunto un 3,53%, pasando de algo máis de 677 millóns de euros en 2024 a un total de 701 millóns de euros na vindeira anualidade. Algúns dos eixos centrais de actuación do departamento pasan pola mellora das infraestruturas, con preto de 20 millóns para o Plan Camiña Rural, do que tamén se beneficiarán os municipios de Deza-Tabeirós, ou 15 millóns de euros en axudas para as plantacións de coníferas e frondosas, entre outras partidas salientables.

Comparte este artigo