A iniciativa permite visibilizar a visión deste colectivo de segundo curso sobre unhas profesións clave para a atención sanitaria
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés agradeceu a implicación dos participantes neste certame, destacando a relevancia destas actividades para reforzar a formación práctica e poñer en valor o papel dos futuros profesionais sanitarios
O Salón de Actos do Hospital Montecelo acolleu a resolución do concurso de carteis organizado pola Unidade de Docencia e Formación Continuada da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés con motivo do Día dos Técnicos Superiores Sanitarios, que se conmemorará o vindeiro domingo 14 de xuño.
Esta iniciativa contou coa participación do alumnado de segundo curso dos ciclos da rama sanitaria que actualmente realiza as súas prácticas nos tres hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O certame permitiu seleccionar un cartel gañador por cada unha das seis especialidades participantes: Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, Dietética, Laboratorio Clínico e Biomédico, Hixiene Bucodental e Documentación e Administración Sanitarias.
A visión do alumnado
O concurso ten coma obxectivo fomentar a participación do alumnado e ofrecer un espazo para que exprese, a través das súas propostas gráficas, a súa visión dun colectivo profesional esencial para o funcionamento do sistema sanitario.
As obras presentadas ao concurso de carteis reflicten valores coma o compromiso asistencial, o traballo en equipo, a innovación e a importancia dos Técnicos Superiores Sanitarios na atención á poboación.
Na cerimonia na que se efectuou o fallo deste concurso de carteis organizado pola Unidade de Docencia e Formación Continuada da Área Sanitaria estiveron presentes a responsable da Unidade de Docencia e Formación Continuada, Ángeles Alonso García; a directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Concepción Abellás Álvarez; a subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, Silvia Amoedo Casqueiro, así coma responsables da Área Funcional de Calidade, Docencia e Innovación.
Relevancia do reforzo da formación práctica
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés agradeceu a implicación do alumnado participante neste certame de carteis, destacando a relevancia destas actividades para reforzar a formación práctica e poñer en valor o papel dos futuros profesionais sanitarios.

