O Atlantic Fest celebra o seu décimo aniversario co apoio da Xunta, reforzando o atractivo turístico e cultural das Rías Baixas

Redacción
  • A praia da Concha de Vilagarcía de Arousa volve converterse no epicentro do indie estatal os días 17, 18 e 19 de xullo
  • Franz Ferdinand, Two Door Cinema Club, Los Planetas, Carolina Durante, Carlos Ares ou Triángulo de Amor Bizarro encabezan o cartel deste ano

O Atlantic Fest celebra este verán a súa décima edición consolidado como unha das citas musicais imprescindibles dos Concertos do Xacobeo. Do 17 ao 19 de xullo, a praia da Concha de Vilagarcía de Arousa volverá acoller un festival que combina música, paisaxe, gastronomía e identidade propia, converténdose nun dos grandes atractivos culturais e turísticos das Rías Baixas durante a tempada estival.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou que “a través dos Concertos do Xacobeo seguimos apoiando eventos que enriquecen a oferta cultural da nosa comunidade e que contribúen a proxectar Galicia como un destino de referencia para vivir grandes experiencias musicais”.

Neste sentido, sinalou que “o Atlantic Fest representa á perfección ese modelo de festival que combina excelencia artística e territorio, xerando un importante impacto turístico e económico para Vilagarcía e para toda a comarca do Salnés”. O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo apoian este ano máis de 50 eventos e festivais na provincia de Pontevedra, configurando unha programación diversa que leva propostas musicais a todas as provincias e amplía a oferta cultural e turística de Galicia ao longo de todo o ano.

Un cartel de referencia

A décima edición do Atlantic Fest presenta unha programación que combina grandes nomes internacionais, referentes do panorama estatal e unha destacada presenza de artistas galegos.

Entre as actuacións internacionais sobresae a presenza de Franz Ferdinand, nunha das súas poucas actuacións deste verán e única en Galicia, así como Two Door Cinema Club, tamén en exclusiva galega. O cartel incorpora ademais a banda británica Shame, unha das formacións con maior proxección da nova escena do pospunk europeo.

A representación estatal estará encabezada por Carolina Durante, Los Planetas, banda imprescindible da historia do indie español e estreitamente vinculada ao festival, Nacho Vegas, Depresión Sonora e Joe Crepúsculo, referentes de diferentes xeracións da música independente.

O talento galego terá igualmente un papel protagonista coa presenza de Carlos Ares, un dos artistas con maior proxección do panorama actual; Triángulo de Amor Bizarro, unha das bandas galegas máis recoñecidas da escena independente, e Nadadora, que celebra o seu regreso aos escenarios tras máis dunha década de ausencia.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade. O pasado ano deu cobertura a máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en 80 localidades de toda Galicia.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán os Concertos do Xacobeo neste 2026. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa, que continúa con 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Comparte este artigo