O Centro de Saúde da Parda acolle unha actividade formativa sobre intervención en tabaquismo dirixida a profesionais sanitarios

Redacción
Lectura mínima de 3

― A acción formativa desenvolverase os días 20 e 21 de abril en horario de tarde e contará coa participación de persoal experto en tabaquismo e prevención de condutas aditivas

O Centro de Saúde A Parda acolle os días 20 e 21 de abril a actividade formativa Como intervir en tabaquismo?, unha iniciativa dirixida a profesionais sanitarios co obxectivo de reforzar coñecementos e habilidades na abordaxe do consumo de tabaco desde o ámbito asistencial.

Esta acción formativa, que se celebra na aula docente do propio centro sanitario en horario de 16:30 a 20:30 horas, está destinada a médicos, enfermeiros, farmacéuticos e psicólogos clínicos. A actividade está coordinada por María Jesús Magdalena García Blanco, médica especialista en tabaquismo pola Universidade de Cantabria e responsable do Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco, adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Ademais, entre as persoas asistentes destaca a presenza de Victoria Aldea Míguez, doutora da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, ademais de posuír un mestrado nesta materia, ten participado en estudos impulsados pola Consellería de Sanidade.

Contidos centrados na prevención e tratamento do tabaquismo

O programa estrutúrase en dúas xornadas intensivas que abordan tanto os fundamentos teóricos como as ferramentas prácticas para a intervención clínica no tabaquismo.

Na primeira xornada, celebrada o luns 20 de abril, trataranse os conceptos básicos en tabaquismo, así como as causas do consumo e as estratexias cognitivo-conductuais para a súa abordaxe. Estas sesións serán impartidas por Miriam Otero Requeijo, psicóloga especialista en tabaquismo pola Universidade de Cantabria, docente da Universidade Internacional de Valencia e coordinadora de programas preventivos na Clínica CoidadosAmente de Santiago de Compostela.

A segunda xornada, o martes 21 de abril, estará centrada na epidemioloxía do tabaquismo, a lexislación vixente, o impacto do tabaquismo pasivo e os beneficios do abandono do consumo, así como nos novos patróns de consumo emerxentes. Ademais, abordaranse aspectos clave como o diagnóstico do tabaquismo, o consello sanitario adaptado ás diferentes fases do paciente, o tratamento farmacolóxico e o uso de probas complementarias como a cooximetría, completando a formación con casos prácticos.

Compromiso coa saúde pública

A celebración desta actividade formativa enmárcase nas iniciativas da Consellería de Sanidade orientadas á prevención das condutas aditivas e á promoción de estilos de vida saudables. A través deste tipo de accións, búscase fortalecer a capacitación dos profesionais sanitarios para ofrecer unha atención integral, eficaz e baseada na evidencia científica ás persoas fumadoras.

Comparte este artigo