– Este centro de Atención Primaria pontevedrés lidera unha iniciativa intersectorial que combina saúde, educación e xogo tradicional para previr o uso problemático de pantallas na adolescencia
– A actividade reuniu ao alumnado de 1º da ESO nunha xornada lúdica e educativa desenvolvida na Illa das Esculturas de Pontevedra
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a través do centro de saúde pontevedrés de Virxe Peregrina, participou hoxe no desenvolvemento do proxecto “Aquéjugamos”, unha iniciativa de investigación financiada polo Instituto de SaúdeCarlos III orientada á prevención e redución do uso problemático de pantallas e videoxogos entre colectivo de adolescentes.
A actividade, organizada en colaboración co Instituto de Educación Secundaria Sánchez Cantón da cidade do Lérez, desenvolveuse ao longo da mañá na Illa das Esculturas, reunindo ao alumnado de 1º da ESO nunha xornada centrada na promoción do ocio activo, o xogo compartido e os hábitos saudables.
O proxecto “Aquéjugamos” destaca polo seu enfoque comunitario e intersectorial, integrando de xeito coordinado aos ámbitos sanitario e educativo. Profesionais do centro de saúde Virxe Peregrina -tanto de Medicina familiar e comunitaria, coma de Pediatría, Enfermaría e Fisioterapia- colaboraron activamente co profesorado do centro educativo no deseño e desenvolvemento das actividades programadas.
Xogos tradicionais coma ferramenta de saúde
A programación da xornada iniciouse ás 10 horas coa presentación da actividade, a organización dos equipos e a explicación das normas de participación. Posteriormente realizouse un quecemento e posicionamento nos campos, coordinado polo persoal do centro de Atención Primaria Virxe Peregrina e do IES Sánchez Cantón.
Entre as principais actividades desenvolvidas, destacaron os xogos tradicionais “A Bandeira” e “O Brilé”, dinámicas colectivas de fomento de habilidades tales coma a estratexia, o traballo en equipo, a axilidade, os reflexos e a cooperación entre iguais.
A xornada de hoxe mércores incluíu tamén un descanso saudable así coma a celebración dunha sesión final de relaxación, estiramentos e volta á calma dirixida polos profesionais sanitarios e os docentes participantes.
Durante toda a actividade promoveuse a importancia do lecer activo fronte ao sedentarismo asociado ao uso excesivo de pantallas, reforzando mensaxes vinculadas á actividade física, á convivencia e ao benestar emocional da mocidade.
Proxecto preventivo baseado na evidencia científica
“Aquéjugamos” forma parte dun proxecto de investigación financiado polo Instituto de Saúde Carlos III que busca reducir os riscos asociados ao uso problemático das pantallas e dos videoxogos na adolescencia, unha realidade relacionada con alteracións do sono, dificultades nas relacións sociais, peores resultados académicos e unha maior vulnerabilidade fronte aos problemas de saúde mental.
O programa estrutúrase mediante diferentes fases de intervención desenvolvidas ao longo do curso escolar, entre as que se inclúen accións de mapeo comunitario participativo, sesións presenciais de mindfulness para mellorar o autocontrol e a xestión emocional do alumnado, así coma a planificación de diversos programas de apoio dirixidos tanto ás familias coma ao profesorado.
Con esta iniciativa, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reforza o seu compromiso coa promoción da saúde comunitaria e coa colaboración entre os eidos sanitario e educativo para favorecer estilos de vida saudables entre a poboación máis nova.

