O Centro Integrado de FP Cantería de Galicia esperta o interese internacional polo seu modelo formativo e os seus bos resultados

Redacción

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, mantén un encontro co empresario australiano William Treble para explorar vías de colaboración neste sector

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, mantivo un encontro co empresario australiano William Treble, CEO de varias compañías vinculadas ao sector da cantería en Australia, interesado en coñecer de primeira man o modelo formativo do Centro Integrado de Formación Profesional Cantería de Galicia, referente en Galicia neste oficio tradicional na nosa Comunidade.

A reunión serviu para presentar a oferta educativa e o traballo desenvolvido no centro, así como para analizar posibles vías de colaboración futura con empresas australianas. Entre os principais intereses manifestados, destacan o coñecemento da formación que recibe o alumnado, o contacto con entidades vinculadas ao sector do granito e da pedra natural, así como a posibilidade de incorporar profesionais titulados á súa estrutura, facilitando mesmo os procesos de visado e traslado laboral.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, puxo en valor o recoñecemento internacional do centro e destacou que este interese “é unha mostra do prestixio e da calidade da formación que se imparte no Centro Integrado de FP Cantería de Galicia, onde se combina tradición e innovación para dar resposta ás necesidades actuais do mercado laboral”. A directora xeral tamén destacou os bos resultados acadados polo alumnado e o estreito vínculo co tecido empresarial, o que permite adaptar a formación ás demandas reais do sector e favorecer oportunidades laborais.

O CIFP Cantería de Poio oferta no curso 2025/2026 cinco titulacións e conta con arredor de 70 alumnos. A súa oferta inclúe o ciclo básico en Reforma e mantemento de edificios, o ciclo medio de Pedra Natural, o ciclo superior de Proxectos de Edificación e as modalidades de FP Dual nas especialidades de Construción e de Proxectos de Edificación.

Comparte este artigo