O comisario do Xacobeo 2027 analiza coa reITORA DA USC iniciativas conxuntas para reforzar a presenza do Xacobeo 2027 no ámbito universitario

Redacción

Marcos Gómez Román salientou a importancia da participación activa da comunidade universitaria na programación xacobea

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo un encontro institucional coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa M. Crujeiras, nunha primeira toma de contacto oficial para abordar posibles vías de colaboración entre ambas institucións de cara á programación da cita xacobea.

Durante a reunión, celebrada na sede da Reitoría, ambas partes coincidiron na importancia de impulsar iniciativas conxuntas que contribúan a proxectar o Xacobeo 2027 no ámbito universitario, reforzando a presenza dos valores xacobeos na actividade académica, cultural e investigadora da USC.

Marcos Gómez Román e  Rosa Crujeiras analizaron distintas liñas de traballo orientadas a deseñar unha programación que favoreza a participación activa da comunidade universitaria —estudantado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos— nas actividades vinculadas ao Xacobeo 2027, así como a promover accións que afonden no coñecemento do Camiño de Santiago e do fenómeno das peregrinacións desde unha perspectiva multidisciplinar.

O comisario do Xacobeo destacou o papel da Universidade de Santiago de Compostela como un aliado estratéxico para achegar o Ano Santo ao ámbito universitario e para impulsar proxectos que contribúan á súa difusión e proxección, ao tempo que permitan implicar ás novas xeracións nun acontecemento de especial relevancia para Galicia.

O encontro serviu tamén para abrir unha canle de diálogo que permita identificar nos próximos meses novas iniciativas de interese común, aproveitando o potencial docente, investigador e divulgador da USC para enriquecer a programación do Xacobeo 2027.

Durante a reunión púxose en valor tamén o traballo desenvolvido no marco da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, creada en 2016 mediante a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Axencia Turismo de Galicia e a S.A.M.I. Catedral de Santiago, e renovada posteriormente.

Comparte este artigo