O comisario do Xacobeo sitúa a participación social como un dos piares do Xacobeo 2027 ante representantes de 20 países

Redacción

Salientou o Plan Director de Patrocinios e O Teu Xacobeo como iniciativas que proxectarán esta celebración por toda a comunidade

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na inauguración do Congreso Internacional ‘As Rutas de Peregrinación como Impulsoras do Turismo Global’, onde puxo en valor o papel das entidades sociais na consolidación do fenómeno xacobeo e destacou que “o Camiño de Santiago e o Xacobeo non serían o que son hoxe se non fose pola participación da sociedade civil”, subliñando que asociacións e colectivos “son fundamentais na labor de mantemento das esencias desta experiencia, así como na súa proxección internacional”.

Na súa intervención, o comisario salientou a dimensión global que acadou o Camiño de Santiago, lembrando que “neste congreso participan relatores e asistentes de 20 países” e que “o Camiño de Santiago é un fenómeno cada vez máis internacional, do que máis xente toma parte”. Neste sentido, lembrou que máis de 200 nacionalidades peregrinaron a Compostela durante o ano 2025.

Marcos Gómez Román tamén incidiu na necesidade de compatibilizar o crecemento coa preservación dos valores que fixeron do Camiño un referente internacional. “Estamos orgullosos de bater récords, pero queremos seguir medrando e consolidando un modelo cuxa clave, precisamente, foi ser capaz de avanzar con firmeza, sabendo ser fiel á súa orixe e ás súas esencias”, afirmou.

O comisario do Xacobeo 2027 incidiu no traballo que a Xunta de Galicia está a desenvolver na preparación do próximo Ano Santo. “Conxugar todo iso desde o respecto á tradición, á diversidade e á proxección de Galicia Calidade será o que busquemos agora que estamos  definindo o Xacobeo 2027”, explicou, engadindo que o obxectivo é “a consolidación dun fenómeno do que todos poidamos sentirnos orgullosos”.

Iniciativas de participación

O comisario destacou tamén as iniciativas postas en marcha para favorecer esa participación, entre elas o primeiro Plan Director de Patrocinios, ao que se presentaron máis de 700 propostas, así como o programa O Teu Xacobeo, que contará cunha nova convocatoria tras o verán para seguir levando actividades e proxectos a todo o territorio galego.

O Congreso Internacional ‘As Rutas de Peregrinación como Impulsoras do Turismo Global’ converte a capital galega nun foro de reflexión sobre o presente e o futuro das rutas de peregrinación como motor de desenvolvemento turístico, cultural e social. O encontro reúne relatores e asistentes procedentes de 20 países, consolidando o carácter internacional do Camiño de Santiago.

Comparte este artigo