Trátase da relación refundida e actualizada das persoas integrantes das listas correspondentes ás subescalas de Secretaría-intervención, Secretaría e Intervención-tesourería
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as novas inclusións e actualizacións de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional nas entidades locais galegas.
Trátase da relación das 263 persoas integrantes das listaxes correspondentes ás subescalas de Secretaría-Intervención, con 117 integrantes, Secretaría, con 75, e Intervención-tesourería, con 71. A información pode consultarse na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/), así como a actualización de méritos das persoas que xa formaban parte das listas de interinos.
Na mesma ligazón e no portal Eidolocal publícase tamén a relación das 54 persoas das diferentes categorías declaradas aptas no curso práctico de formación realizado nos meses de novembro e decembro na Escola Galega de Administración Pública.
Coa creación desta bolsa de interinidade, o Goberno galego busca dar resposta ás necesidades de persoal detectadas nas entidades locais e ao incremento de postos vacantes nos concellos con estas novas inclusións. Ademais, a convocatoria outórgalles a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.
Nas tres convocatorias efectuadas ata agora producíronse 277 incorporacións nas listas autonómicas, ás que se sumarán as 54 novas inclusións que superaron a proba tipo test e o curso de formación, nesta última convocatoria. En concreto, producíronse 150 integracións na subescala de secretaría-intervención, 91 na de secretaría de entrada e 90 na de intervención-tesouraría de entrada.