- Baixo o lema “Protexendo a lactación materna” hoxe martes, o centro de saúde San Roque de Vilagarcía de Arousa acollerá ás 14 horas unha sesión clínica sobre primeiros auxilios neste tipo de alimentación
- Mañá mércores ás 16 horas celebraráse unha sesión de xogos con meniños nun espazo lúdico que se emprazará no Salón García de Vilagarcía de Arousa onde, posteriormente, proxectaráse o documental “Amamantar. O verdadeiro significado da lactación materna“
- A celebración desta Semana Europea promove estas actividades para incidir nas múltiples vantaxes de saúde que abrangue a lactación materna, cun permanente apoio dos profesionais da Área Sanitaria ás nais e ás familias
O distrito sanitario de O Salnés conmemora, baixo o lema “Protexendo a lactación materna”, a Semana Europea de Lactación Materna 2025 cunha serie de actividades dirixidas a promover esta alimentación, á vez que amosa o seu compromiso asistencial e apoio a familias e nais.
Xa durante o día de onte, luns 6 de outubro, efectuáronse mesas de debuxos para meniños no Hospital do Salnés, onde tamén se instalou unha mesa divulgativa na súa entrada principal. Así mesmo, ás 14 horas de hoxe martes 7 de outubro, o centro de saúde San Roque de Vilagarcía de Arousa acollerá unha sesión clínica baixo o título “Primeiros Auxilios da Lactación Materna“.
Para mañá, mércores 8 de outubro, a programación de actividades da Semana Europea de Lactación Materna 2025 no distrito sanitario de O Salnés ten planificada unha sesión de xogos con meniños nun espazo lúdico que se emprazará no Salón García de Vilagarcía de Arousa a partir das 16 horas. Posteriormente, proxectaráse o documental “Amamantar. O verdadeiro significado da lactación materna” ás 17:30 horas nesta mesma sede do Salón García.
O vindeiro xoves 9 de outubro o salón de actos do Hospital do Salnés celebrará ás 8:15 horas unha sesión clínica que profundizará no enfoque asistencial dos primeiros auxilios no eido da lactación materna. Esta mesma temática centrará no centro de saúde de Cambados ás 8 horas do venres 10 de outubro outra sesión dirixida aos profesionais.
Múltiples vantaxes da lactación materna
Segundo sinalan desde o distrito sanitario de O Salnés, a conmemoración desta Semana Europea de Lactación Materna 2025 promove todas estas actividades divulgativas co obxectivo de incidir nas múltiples vantaxes saudables que abrangue esta alimentación, cun permanente apoio por parte dos profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés ás nais e familias cara a concienciar e incidir na boa saúde e o benestar dos bebés.