— Enrique Otero, director, guionista e produtor, ofrecerá o coloquio arredor da película este xoves 28 de novembro na primeira sesión do curso, dedicado a afondar nos procesos creativos e técnicos de obras audiovisuais con selo galego
— O programa inclúe tamén a proxección da longametraxe ‘La Parra’, de Alberto Gracia; a serie ‘Ghuassap’; as curtas de Ángel de la Cruz, Fon Cortizo e Juan Barbazán e o documental ‘Filmei paxaros voando’, de Zeltia Outeiriño
— A cita do 19 de decembro dedícase ao concurso ‘A Canteira’, coa mostra dos traballos do alumnado universitario
A Casa das Campás de Pontevedra acolleu hoxe a presentación da 14ª edición de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que arranca este xoves na Facultade de Comunicación cunha sesión centrada na longametraxe Honey Moon, de Enrique Otero. A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo volven colaborar na organización desta iniciativa formativa, dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector, para afondar nos procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión, co foco posto na máis recente produción galega.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto, no que compartiu mesa con Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación; Luis Torres, director de área adxunto á Vicerreitoría do campus de Pontevedra, e Paulino Pérez, profesor desta facultade e coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, subliñou a dobre vertente desta iniciativa, que combina a finalidade formativa arredor dos procesos creativos e de produción e o obxectivo de difusión que supón para o audiovisual galego a través da apertura das sesións ao público xeral.
Tamén incidiu no valor dunha carteleira “transversal e diversa en canto a formatos (longametraxes, curtas, ficcións televisivas…) e xéneros (thriller, comedia, drama, documental…), coa inclusión de películas premiadas en festivais internacionais e con presenza maioritaria de mulleres cineastas”. Neste sentido, expresou que AuGAL reflicte, en definitiva, a puxanza actual do sector audiovisual galego, que está preparado para acoller no futuro o alumnado inscrito neste ciclo formativo.
Un total de 27 horas lectivas en nove xornadas
O programa desta edición, cuxo prazo de matrícula gratuíta xa está aberto, ofrecerá ata marzo de 2025 nove sesións con clases maxistrais e proxeccións, como xa é tradicional, acompañadas da presentación das persoas responsables na creación ou na produción audiovisual nos diferentes xéneros e formatos, ata completar un total de 27 horas lectivas.
Na sesión inaugural deste xoves, o relatorio estará a cargo de Enrique Otero, produtor de Control Z, ao tempo que director e guionista de Honey Moon, filme estreado en 2023 e producido co apoio da Xunta de Galicia, que contou no elenco con Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez e Sergio Zearreta, entre outros actores e actrices.
A 14ª AuGAL inclúe dúas masterclass sobre produción audiovisual. A primeira, o 12 de decembro, centrarase na busca de localizacións e estará a cargo do produtor e localizador Andrés Rozados. A segunda celebrarase o vindeiro 12 de febreiro e nela a produtora Silvia Fuentes falará a partir do título Como se levanta unha peli, achegando coñecementos sobre as fases e necesidades da creación audiovisual.
No marco desta edición tamén poderán verse o 19 de decembro oito dos traballos do cuarto concurso de curtas A Canteira, organizado pola propia Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, coa entrega do premio á mellor obra.
Xa en febreiro, o día 5 será a quenda doutra longametraxe de ficción, La Parra, de Alberto Gracia, presentada pola produtora de Filmika Galaika Beli Martínez; o día 19 exploraranse os formatos para televisión coa serie Ghuassap e o seu director Luis Avilés (CTV); e o día 26 a sesión dedicaráselle ás curtas A Marola, de Ángel de la Cruz; Abellón, de Fon Cortizo, e María Rita, de Juan Barbazán.
O 12 de marzo Lucía Estévez falará sobre a dirección novel a través da súa experiencia nas series de televisión Los argonautas, producida por Portocabo para Clan TVE, e Weiss & Morales, unha coprodución entre España e Alemaña cuxa rodaxe rematou este verán e que se estreará en 2025 en RTVE. O xénero documental será abordado na última sesión do curso, o 26 de marzo, coa proxección de Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño, e o coloquio posterior coa produtora Silvia Fuentes, de Sétima.