O novo albergue de peregrinos da Xunta en Dozón abrirá no Xacobeo 2027 con preto de 60 prazas

Redacción


– O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe o proxecto e anunciou que a licitación para que se presenten as empresas vaise abrir a próxima semana

-Prevese que as obras desta infraestrutura do Camiño Mozárabe-Vía da Prata na que a Xunta inviste 1,5M€ comecen despois do verán

-“Seguimos traballando para prepararnos para o Ano Santo e ofrecer a mellor acollida aos peregrinos de xeito diversificado polos itinerarios xacobeos”, explicou Merelles

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no acto de presentación do proxecto de rehabilitación da Casa Reitoral da Igrexa de San Salvador do Castro, en Dozón, que a Xunta de Galicia converterá en albergue de peregrinos cun investimento global de 1,5M€ e que estará operativo na temporada alta do próximo Xacobeo 2027.

Como indicou durante o acto de presentación -no que estivo acompañado polo arquitecto redactor do proxecto, así como autoridades locais, eclesiásticas e asociacionismo xacobeo-con esta nova infraestructura, a Xunta “amplía a capacidade aloxativa da rede pública de albergues no Camiño Mozárabe-Vía da Prata, un itinerario polo que pasan anualmente máis de 8.000 peregrinos e que agora sumará un total de 16 albergues do Xacobeo neste itinerario da Vía da Prata e máis de 500 prazas”.


Xosé Merelles anunciou que a licitación do proxecto para que se presenten as empresas abrirase a vindeira semana e estímase que despois do verán poidan comezar as obras. “O albergue estará en funcionamento na temporada alta do Xacobeo 2027, dando resposta así ao traballo que estamos realizando desde Turismo de Galicia para intensificar a mellora na acollida aos peregrinos, a mellora das infraestruturas e o mantemento do Camiño de Santiago con vistas ao Ano Santo”, engadiu.

O director de Turismo puxo de manifesto, ademais, que a posta en marcha deste albergue na Vía da Prata enmárcase no traballo da Xunta por diversificar a chegada dos peregrinos polos diferentes itinerarios xacobeos, un dos obxectivos do Plan director dos Camiño de Santiago 2027 no se invisten máis de 140M€ “Tamén dinamizará a economía local de Dozón, tendo en conta que  o Camiño de Santiago está cada vez máis consolidado como un dos motores económicos dos municipios que atravesa. De feito, os peregrinos supoñen o 3% do gasto turístico e cada un dos peregrinos representa o mesmo impacto económico que 3 turistas nacionais”, apuntou.

Con seis habituacións

Para a construción deste novo albergue realizarase unha rehabilitación integral da Antiga Casa Reitoral da igrexa de San Salvador do Castro, situada no lugar de Castro, municipio de Dozón, que é de titularidade eclesiástica. Actualmente o edificio non está en uso e vaise recuperar tras un proceso de rehabilitación integral que incluirá unha ampliación de volume e acondicionamento do conxunto como albergue de peregrinos.

Vaise demoler o interior, respectando a normativa urbanística vixente do propio Concello e unha vez realizada a demolición, realizaranse traballos de tabiquerías, forxados, instalacións así como cuberta, sen afectar os elementos da fachada, escaleira interior singular. O novo albergue terá 6 habitacións cun aforamento de 58 persoas (28 liteiras e 2 camas accesibles).

Na actualidade a Xunta de Galicia conta con 15 albergues da Rede Pública de Albergues do Xacobeo que dan servizo aos peregrinos que fan o Camiño Mozárabe-Vía da Prata e suman 480 prazas. Con esta incorporación, o Camiño Mozárabe-Vía da Prata sumará xa máis de 500 prazas.

Comparte este artigo