O “Orballo Cultural” dos Concertos do Xacobeo reparte talento galego en dez concellos nunha aposta que combina música, gastronomía e artesanía

Redacción

— O diretor de Turismo de Galicia presentou esta mañá a programación deste evento que converte Galicia un ano mais nun destino prioritário para os amantes da mellor música en vivo

— A programación deste ciclo de concertos esténdese de maio a setembro con citas na Coruña, Baiona, Marín, Monterrei, Negreira, Ribeira, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vimianzo

— O cartel da edición deste 2026 inclúe nomes como Baiuca, Belem Tajes, Budiño, Caamaño & Ameixeiras, De Ninghures, De Vacas, Fillas de Cassandra, Ortiga, Xabier Díaz e 9Louro

O ciclo de concertos ‘Orballo Cultural’ presentou a súa edición 2026, que se celebrará entre os meses de maio e setembro en diferentes concellos da comunidade. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia na presentación deste evento musical enmarcado nos Concertos do Xacobeo e que levará as propostas máis destacadas do panorama musical galego ata distintas localidades da xeografía galega. A primeira parada será o 24 de maio na municipio coruñés de Vimianzo e o ciclo continuará a partir de xullo en Tui, Santiago, Ribeira, Baiona, Monterrei, Negreira, Vigo, A Coruña e Marín.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia lembrou que o ciclo “é unha mostra máis da aposta estratéxica da Xunta pola programación de eventos musicais singulares que conectan o territorio, a paisaxe, o patrimonio, a música e a cultura galegas”.

Salientou tamén o feito de que sexa unha iniciativa de formato reducido deseñada para ofrecer experiencias máis próximas e singulares, abertas a todos os públicos. “Trátase dunha proposta que vai máis aló da programación musical, ao ofrecer unha experiencia arredor da identidade galega a través da música en directo, a gastronomía de proximidade, a artesanía local e a sustentabilidade, unha filosofía que encaixa co espíritu dos Concertos do Xacobeo pola posta en valor do territorio”. Así, Xosé Merelles tamén destacou o papel de ‘Orballo Cultural’ como “elemento dinamizador da actividade turística nos concellos de toda Galicia”.

Grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, nos próximos meses ‘Orballo Cultural’ programará nas dez localidades un total de 18 artistas de estilos e xéneros variados: Baiuca, Balteira, Belém Tajes, Budiño, Caamaño & Ameixeiras, Catuxa Salom, De Ninghures, De Vacas coa súa Vacanal Sinfónica, Fillas de Cassandra, Guilherme Zapata, Kike Varela, Lila Downs, Luar na Lubre, Maricarme, Ortiga, Tapa d’Orella, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e 9Louro.

Sobre ‘Orballo Cultural’

‘Orballo Cultural’ é un ciclo de concertos itinerante que percorre diferentes puntos da xeografía galega cunha proposta que combina música, gastronomía, pintura e artesanía para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de Galicia. O proxecto nace coa vocación de dinamizar o territorio a través da cultura, promovendo encontros en espazos singulares tanto do ámbito urbano como rural. Co obxectivo de chegar a máis de 50 concellos das catro provincias galegas, en pasadas edicións os concertos xa se celebraron na Estrada, Brión, Malpica, Carballo, Carnota, Ferrol, Fisterra, Monfero, Muxía, Noia, O Grove, Porriño, Padrón, Ribadavia, Ribadeo, Tomiño e Zas.

Máis aló da programación musical, ‘Orballo Cultural’ incorpora showcookings con produto local, exposición e venda de artesanía galega e experiencias vinculadas á identidade e ás tradicións do territorio. O ciclo aposta tamén pola sustentabilidade, o consumo de proximidade e a descentralización da oferta cultural, favorecendo a creación de sinerxías co tecido económico e social dos concellos participantes. Confírmase, ademais, como un evento cunha grande acollida tanto entre as persoas residentes como entre as visitantes que desexan mergullarse na cultura de Galicia durante as súas vacacións.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
Entre os eventos máis destacados da edición 2026 dos Concertos do Xacobeo figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou o Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, SilFest, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!

Da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, actuarán en Galicia neste 2026 destacadas figuras internacionais, nacionais e galegas como Tom Jones, Katy Perry, Iron Maiden, Leiva, Europe, Zahara, Maroon 5, Xoel López, Garbage, Amaia, Baiuca, Carlos Ares, Franz Ferdinand, Bala, Dani Martín, Sen Senra, Nathy Peluso, Mike Towers e ata 800 bandas e artistas de todos os xéneros e estilos.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Comparte este artigo