Nesta xornada, que está dirixida a guías, profesionais e persoal do Parque, abordaranse contidos sobre a creación de experiencias accesibles e inclusivas
O centro de visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acolle este xoves, 23 de abril, unha xornada formativa sobre a atención a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) nas visitas a espazos naturais.
Durante esta xornada, dirixida a guías, profesionais e persoal do Parque, abordaranse contidos sobre a creación de experiencias accesibles e inclusivas. Así, ofrecerase información para axudar a comprender como se procesan os estímulos e como inflúe o medio natural.
Nese senso, farase unha análise dos estímulos sensoriais que ofrecen as illas tanto auditivos -o vento, as ondas, as gaivotas, os motores dos barcos, etc.- como visuais -reflexos do mar, espazos abertos…- e táctiles -area, terreo irregular-.
Deste xeito, tamén se ofrecerá asesoramento para contar con ferramentas de accesibilidade cognitiva, como a identificación de zonas de calma e espazos seguros nas rutas, a creación de axendas visuais coa secuencia da xornada, e o uso de pictogramas na sinalética e como soporte para a comunicación non verbal.
A maiores, abordarase o deseño e adaptación de rutas coa preparación de estratexias para os embarques e descansos para unha boa xestión dos tempos e esperas, así como coa elaboración de mapas sensoriais que indiquen os puntos de interese e os puntos de estrés sensorial. En concreto, habería que identificar tanto puntos vermellos -zonas de moito vento, colonias de gaivotas ruidosas ou subidas moi pronunciadas que cansan fisicamente- como verdes ou zonas de calma -miradoiros tranquilos, zonas de sombra ou espazos con pouco tránsito-.
Tamén se incidirá na importancia de adaptar o discurso cunha linguaxe clara, frases curtas e apoios visuais durante a explicación da biodiversidade. Así mesmo, un dos bloques centrarase na elaboración do ‘kit do guía’ para que saiban crear e utilizar materiais que faciliten a comprensión da contorna.

