― O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo hoxe en valor estas achegas, dotadas cun orzamento de 2,28 millóns de euros, durante a súa visita a unha explotación asociada á ADSG Xundeva, no concello de Lalín
― Estes fondos financiarán o traballo destas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, subvencionando aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou esta mañá en Lalín unha explotación asociada á Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ASDG) Xundeva, onde puxo en valor as axudas da Consellería do Medio Rural para estas entidades. Así, lembrou que ata mediados do vindeiro mes de febreiro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria deste ano, publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun orzamento de 2,28 millóns de euros.
Estas axudas servirán para financiar o traballo que realizan estas entidades no desenvolvemento dos programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia.
En concreto, os programas de planificación zoosanitaria que se subvencionarán con esta orde contemplan aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026. Estes programas reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega.
Asemade, tal e como destacou nesta visita o director xeral, estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. Mediante estas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas.
A maiores, as ADSG poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica.