- O director de Turismo de Galicia inaugurou hoxe as instalacións que contaron co apoio da Xunta de Galicia
- Máis de 52.000 turistas visitaron a Costa da Morte nos primeiros meses do ano, un destino que o pasado 2024 medrou un 2,2% en demanda turística
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou hoxe o Punto de información turística situado a carón da ponte de Brandomil, un servizo que cualificou como “a porta romana de entrada de visitantes e turistas á Costa da Morte” que xa foi visitada nos primeiros seis meses deste ano por máis de 52.000 turistas.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles enxalzou a potencialidade e vitalidade do rural de Galicia desde o punto de vista turístico en base aos seus recursos culturais e arqueolóxicos como é o caso da contorna de Brandomil, na que se ubica “unha das pontes históricas máis relevantes, xunto as de Arantón ó noreste e Ponte Olveira ó oeste tamén sobre o Río Xallas, todas documentadas xa na Idade Moderna”.
Para a construción do centro, Turismo de Galicia asinou un convenio coa Fundación Brandomil. Esta entidade foi constituída en 2018 e está centrada na promoción e a recuperación e defensa do patrimonio cultural vinculado á localidade, especialmente o patrimonio arqueolóxico de época romana. Na contorna sitúanse dous castros e restos de minas de ouro e estaño, entre outros vestixios.
Turismo de Galicia enmarca estas accións destinadas á promoción e revalorización do patrimonio histórico e arquitectónico da comunidade dentro da aposta que fai a Xunta polo fomento da potencialidade e vitalidade do rural desde o punto de vista turístico impulsando e promovendo os seus recursos paisaxísticos, patrimoniais e arquitectónicos.
Xosé Merelles valorou o papel de Brandomil e, por extensión, Zas, como un dos Concellos que dá acceso á Costa da Morte, un destino que o pasado 2024 medrou o 2,2% en demanda turística. Ese 2025, xa no primeiro semestre do ano, 52.163 persoas visitaron esta rexión, realizando un total de 105.514 pernoctacións. A estadía media foi de 2,02 noites, superior á do conxunto da provincia, situada nas 1,7 noites. En conxunto, 1M de persoas escolleron como destino a provincia da Coruña, sumando 1,7M de noites, un 1,5% máis que en 2025.