O Servizo de Dixestivo do CHUP enche Pontevedra de “cacas” para anunciar a chegada da doutora María Pellisé o vindeiro 21 de abril

Redacción
Lectura mínima de 5
Screenshot
  • Máis de 500 folletos co deseño dun excremento repartíronse pola capital da provincia para difundir unha charla aberta á cidadanía sobre a prevención do cancro de colon que esta especialista impartirá o martes ás 18:30h no salón de actos do IES Valle-Inclán
  • Xa o vindeiro mércores 22 de abril a doutora Pellisé impartirá en Montecelo unha clase maxistral sobre endoscopia avanzada ás 13:30 horas no salón de actos
  • Estas xornadas representan a cuarta edición da iniciativa “Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses”, organizadas polo servizo de Dixestivo do CHUP pontevedrés e o seu Grupo de Investigación IDARA

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acollerá os vindeiros martes 21 e mércores 22 de abril a cuarta edición do ciclo “Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses”, centrado nesta ocasión no cancro de colon e a endoscopia avanzada.

Para a devandita ocasión, Pontevedra recibirá á experta internacional María Pellisé, xefe de sección de endoscopia do Hospital Clínic de Barcelona e presidente da Asociación Española de Gastroenteroloxía. A coordinadora desta xornada divulgativa será a doutora Elena Castro, especialista do servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Esta actividade está impulsada polo servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a través do Grupo de Investigación IDARA, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e á súa fundación, e conta coa colaboración de AbbVie, Roche e Novo Nordisk.

Unha tarde para aprender a previr o cancro de colon

O vindeiro martes 21 de abril ás 18:30 horas, o salón de actos do IES Valle-Inclán acollerá unha charla aberta á cidadanía que buscará resolver dúbidas dos participantes e concienciar sobre a prevención do cancro colorrectal.

Baixo o título “A túa vida, os teus hábitos, a túa decisión: como previr o cancro de colon”, a sesión contará, ademais de coa participación das doutoras Pellisé e Castro, coa intervención da doutora Begoña Graña, xefe do servizo de Oncoloxía do CHUP pontevedrés e coa apertura institucional da presidente da Asociación Española de Cirurxía, a doutora Raquel Sánchez.

Aquelas persoas que desexen facer as súas preguntas de xeito anónimo para que se resolvan durante o transcurso da charla no salón de actos do IES Valle-Inclán o 21 de abrilpoderán facelo no seguinte enlace: https://forms.cloud.microsoft/e/37f1M73kup.

Para anunciar esta charla, os organizadores deste evento encheron con máis de 500 folletos en forma de excremento diversas zonas da cidade de Pontevedra, instando á cidadanía a acudir á dita conferencia, na que se divulgará información de interese sobre a relevancia preventiva do cribado de cancro de colon.

A pesar de ser un dos tumores máis frecuentes, a participación nos vixentes programas de cribado desta doenza aínda debe incrementar as súas porcentaxes. Neste senso, cónpre lembrar que o cribado de cancro colorrectal non só busca detectar a doenza a tempo, senón que ten coma principal obxectivo detectar e extirpar pólipos antes de que se convertan nun cancro.

Endoscopia avanzada e os límites coa cirurxía

Xa o vindeiro mércores 22 de abril de 2026 ás 13:30 no salón de actos do Hospital Montecelo, a doutora María Pellisé impartirá aos profesionais sanitarios unha clase maxistral sobre endoscopia avanzada baixo o título “Lesións de colon: como decidir entre a abordaxe endoscópica e a cirúrxica”.

Aqueles profesionais que así o soliciten a través do correo electrónico grupo.idara@iisgaliciasur.es poderán ter un encontro individualizado en formato meet & greet coa doutora Pellisé para solventar dúbidas e compartir impresións. Dita sesión maxistral contará con certificación ACIS para os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

Espazo de encontro entre expertos de referencia

Cómpre sinalar que a iniciativa “Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses. Conexión clínica en hepatoloxía e gastroenteroloxía”, está a converter a cidade de Pontevedra nun espazo de encontro entre expertos de referencia, profesionais sanitarios e a propia sociedade.

O devandito programa continuará o vindeiro martes 26 de maio de 2026 coa doutora Pilar Nos, experta internacional en enfermidade inflamatoria intestinal.

Comparte este artigo