O Servizo de Farmacia Hospitalaria do (CHUP) obtén a certificación de calidade Q-PEX na súa atención aos pacientes externos

adminON
Lectura mínima de 6
  • Este selo, que outorga a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, baséase nunha norma pioneira a nivel mundial, que proporciona os requisitos necesarios para desempeñar as actividades no ámbito asistencial, docente e de I+D+i nestes servizos sanitarios
  • Durante o pasado 2023, no programa de atención farmacéutica nas consultas externas do complexo hospitalario pontevedrés se incluíron un total de 15.517 pacientes, que supoñen un 13% máis que o ano anterior

O Servizo de Farmacia Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) acadou a nova certificación de calidade Q-PEX que outorga a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), en recoñecemento á mellora continua e excelencia na atención farmacéutica a pacientes externos. Este selo baséase nunha norma pioneira a nivel mundial, que proporciona os requisitos necesarios para desempeñar as actividades no ámbito asistencial, docente e de I+D+i nos servizos de farmacia hospitalaria.

A certificación Q-PEX avalía un total de 118 indicadores correspondentes a diferentes ámbitos relacionados coa planificación, xestión dos recursos, investigación, innovación, avaliación do desempeño e mellor atención e comunicación. Neste sentido, proporciona ferramentas para coñecer as necesidades dos usuarios e permite establecer un modelo de referencia na atención ao doente externo.

O acto de entrega desta certificación tivo lugar hoxe ao mediodía no salón de acto do Hospital Montecelo e estivo presidido polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias. Tamén asistiron o xefe do Servizo de Farmacia Hospitalaria, Carlos Crespo Diz, quen foi o encargado de recoller o selo; a presidenta da SEFH, Cecilia Martínez Fernández-Llamazares; e o xerente nacional de Acceso ao Mercado da compañía biofarmacéutica AbbVie, Alberto Ramos Martín.

Máis doentes polo envellecemento e a cronicidade

Na actualidade, un dos principais retos en Farmacia Hospitalaria céntrase no aumento do número de pacientes externos, provocado por un maior envellecemento da poboación e pola cronificación de patoloxías. Por iso é polo que esta norma, orientada a un modelo de calidade profesional, teña a peculiaridade de centrarse nun ámbito tan estratéxico e permite homoxeneizar a atención prestada nas unidades de pacientes externos, dada a cantidade de atencións e variabilidade existente nos servizos de farmacia hospitalaria.

Neste sentido, durante o pasado 2023 no programa de atención farmacéutica nas consultas externas do CHUP se incluíron un total de 15.517 pacientes, cifra que representa un 13% máis que o ano anterior.

Por áreas terapéuticas, 2.479 doentes (o 16%) acudiron por alteracións nutricionais que precisan tratamento dietoterápico complexo por vía oral ou enteral. En segundo lugar, 2.103 (13,5%) tiñan enfermidades crónicas inmunomediadas das especialidades de dermatoloxía, aparello dixestivo e reumatoloxía. O terceiro grupo de pacientes máis numeroso, cun total de 1.784 (11,5%), foron os de cancro, dos que preto do 70% recibiron tratamento para tumores sólidos e o 60% para neoplasias hematolóxicas. E en cuarto lugar, 1.321 pacientes foron atendidos por patoloxías neurolóxicas, principalmente a causa da esclerose múltiple, a espasticidade e a migraña.

Preto de 58.000 consultas farmacéuticas en 2023

Así mesmo, para atender a eses 15.517 doentes se levaron a cabo un total de 57.698 consultas farmacéuticas en 2023, das que 2.628 foron de inicio de tratamento, mentres que as restantes 55.604 corresponderon a consultas de seguimento e continuación de tratamento. Desas segundas visitas e seguintes, a maioría (79,3%) requiriron atención presencial e 11.881 (21,37%) foron non presenciais; e 2.094 consultas realizáronse con seguimento telefónico previo á entrega informada de medicamentos no domicilio do paciente.

O xefe do Servizo de Farmacia Hospitalaria, o doutor Carlos Crespo, destacou que o programa de atención farmacéutica nas consultas externas do Servizo de Farmacia do CHUP ten como obxectivo contribuír a mellorar a saúde e a calidade de vida dos pacientes a tratamento con medicamentos que requiren dunha avaliación, seguimento e monitorización farmacéutica hospitalaria.

“Nesta unidade é onde se xestionan os tratamentos do maior número de pacientes que precisan atención farmacéutica, a que require da maior inversión en recursos farmacéuticos da área sanitaria e na que se avalían o maior número de requisitos e condicións terapéuticas para acadar os mellores resultados en saúde”, indicou o xefe do Servizo. Así mesmo, manifestou a aposta do programa para acercar esta prestación ao entorno máis próximo dos pacientes incluíndo o seu lugar de residencia.

Superando requisitos de excelencia

Pola súa parte, a presidenta da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Cecilia Martínez, salientou que os centros sanitarios do CHUP “incorpóranse ao grupo de hospitais que acadaron a certificación Q-PEX de calidade aos pacientes externos superando uns requisitos de excelencia na atención farmacéutica, o que indica a actitude clara do centro na implantación das liñas de excelencia baseadas en certificacións de calidade, e neste caso, na obtención dos mellores resultados en saúde e a mellor experiencia farmacoterapéutica dos pacientes e dos profesionais que traballan neste ámbito”.

Comparte este artigo