- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe con 24.145 euros á celebración do certame, incluído na liña de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas
- O programa combina propostas de sala, espectáculos de rúa, campaña escolar, exposicións, música, instalacións, mercado titiriteiro e actividades participativas
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do XXVII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, que se celebrará do 11 ao 17 de maio cun programa de máis de 60 funcións e actividades arredor do teatro de monicreques. A cita conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, pola que este ano recibe 24.145 euros como contribución ao seu financiamento.
O presidente de Xente Titiriteira, Eduardo Rodríguez “Tatán”, e o director do festival, Luis Crespo, debullaron a carteleira completa do encontro nun acto que contou coa prrsenza doutras institucións colaboradoras para dar a coñecer a programación para todos os públicos e que se desenvolverá tanto a pé de rúa como en diferentes escenarios interiores da vila pontevedresa.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que encontro redondelán forma parte dos 13 festivais profesionais de artes escénicas apoiados este ano por unha convocatoria que distribúe 290.000 euros entre citas especializadas en teatro, monicreques, circo, danza, improvisación e monólogos nas catro provincias galegas. Subliñou tamén a importancia desta liña de axudas, que incrementou a súa dotación nun 3,5 % respecto a 2025 e que contribúe, ademais, á difusión dos espectáculos de produción galega. Jacobo Sutil destacou, así mesmo, a relevancia dun festival redondelán, pola súa ampla traxectoria de máis dun cuarto de século na difusión do teatro de monicreques e na súa versatilidade na creación de públicos, así como o seu papel na dinamización cultural do municipio e da súa contorna xeográfica.
Propostas galegas e de seis países
A programación desta nova edición volverá combinar espectáculos de sala, funcións de rúa, instalacións, música e propostas participativas arredor do mundo dos monicreques, con compañías galegas como Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Babaluva, Mircromina, Trécola Producións, Troula Animación ou Bico de Toupa, xunto a formacións chegadas de diferentes puntos do Estado e de países como Francia, Italia, Portugal, Uruguai ou Arxentina.
Entre as montaxes destacadas figura A Biblioteca Galáctica contra IA Fantástica, de Tanxarina Títeres, recoñecida nos Premios María Casares 2026, ademais de propostas premiadas como Gloria Bendita, de Arteria Producciones, ou Érase unha vez… dous pés!, da italiana Teatro dei Piedi.
O festival contará coa música de Brassica Rapa e The Turre’s Band e incorpora tamén como novidades o Mercadiño titiriteiro na Alameda, o certame Redondela, mira para ela, dirixido á participación da veciñanza, centros de ensino e comercio local, e dúas exposicións: unha dedicada á traxectoria de Os Monicreques de Kukas e Voces de Gaza, de Mahdi Karera e Khoyout Theatre.
O programa complétase coa ruada De flor en flor… ou a fantástica viaxe do invisible, que convida á cidadanía a participar vestíndose de calquera insecto para celebrar o esencial proceso da polinización e a seccción Títeres pola gorra que abre as portas a diversas compañías que cada ano viaxan a Redondela para mostrar o seu traballo na rúa de xeito espontáneo.

