Catro das sete viaxes están totalmente ocupadas pero aínda quedan prazas nas de Monterrei, Valdeorras e As Mariñas
Este mes de agosto, os Trens Turísticos da Xunta percorrerán, en distintas datas, as rutas dos Faros, Monterrei, Rías Baixas, Valdeorras, Ribeira Sacra Sil, Ribeira Sacra Miño e As Mariñas. A boa acollida un ano máis deste produto turístico fai que moitos teñan que colgar xa o cartel de cheo. Catro das sete rutas con viaxes este mes xa non teñen dispoñibilidade, pero aínda quedan prazas nas outras tres; estas son as de Monterrei, Valdeorras e As Mariñas.
Así, para aquelas persoas que queiran gozar en agosto desta proposta turística, hai de momento billetes á venda para a Ruta de Monterrei, con saída o día 16; a das Mariñas, para o 23; e para o tren do día 30 que fai a Ruta de Valdeorras.
Os catro traxectos que xa esgotaron as súas prazas pertencen ás rutas dos Faros, das Rías Baixas, á da Ribeira Sacra polo río Sil e, tamén, ao traxecto polo Miño. En setembro aínda queda espazo nos trens dos Pazos e da Ribeira Sacra polo Miño, con saída o día 20; e para o de Valdeorras, que sae o 27. Pola contra, xa non quedan prazas para a ruta dos faros do 6 de setembro. Finalmente, hai dispoñibilidade para o último dos traxectos, que percorrerá a Ruta dos Queixos o día 4 de outubro.
No que vai de campaña, dúas das rutas venderon o 100% de billetes: a das Rías Baixas e a da Ribeira Sacra polo Sil. Todo apunta a que a do Miño tamén pechará cun 100% de ocupación, posto que a falta da viaxe do 20 de setembro, ten o 97,3% xa vendido. A Ruta dos Faros tivo un 98,4% de adhesión e a do Ribeiro o 96,2%. En total, das 2.530 prazas ofertadas, ocupáronse xa 2.075, que se traducen no 80% do total.
Esta iniciativa está desenvolta por Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico –INORDE-, dependente da Deputación de Ourense. Ofrece un paquete turístico único, que combina viaxe en tren coa visita a algúns dos emprazamentos senlleiros do patrimonio arquitectónico, cultural e natural de Galicia.