Permanece aberto o prazo para participar nunha nova edición da campaña de recollida de residuos ‘1M2 polas praias e mares’

adminON
Lectura mínima de 2

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización cidadá, contribúese a eliminar da contorna natural todo tipo de residuos perigosos como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos

O prazo para inscribirse na nova edición da campaña 1m2 polas praias e mares permanecerá aberto ata o 15 de setembro para os interesados en participar nas xornadas de limpeza e recollida de residuos que terán lugar entre o 21 de setembro e o 6 de outubro.

Esta iniciativa é unha das accións máis coñecidas do programa Libera, creado por SEO/BirdLife e Ecoembes e coa que colabora a Xunta de Galicia, para loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de atallar este problema medioambiental.

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización cidadá contribúese a eliminar da contorna natural todo tipo de residuos perigosos como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos.

Cómpre lembrar que esta nova acción voluntaria forma parte das limpezas periódicas de 1m2 polas contornas –que inclúe tamén as accións de 1m2 contra a basuraleza, 1m2 por ríos, encoros e pantanos e 1m2 polo campo, os bosques e o monte-, cuxo obxectivo non é só liberar a natureza de lixo, senón caracterizar e tipificar os residuos que se atopan en cada punto de limpeza, a través do uso da ciencia cidadá.

Galicia é unha das comunidades autónomas máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades de colaboración que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.

Os interesados en colaborar con esta campaña poden consultar todos os detalles na páxina web do proxecto Libera.

Comparte este artigo