Román Rodríguez anuncia a posta en marcha das primeiras 13 titulacións universitarias compartidas entre sete universidades galegas e arxentinas

adminON
Lectura mínima de 7
  • O conselleiro participa nun encontro entre institucións de ambos países co que se empeza a materializar o acordo asinado en novembro
  • A Xunta estuda habilitar unha liña de apoio económico para contribuír ao financiamento da matrícula dos alumnos de intercambio e de parte da súa estadía
  • Este é o primeiro paso dunha ambiciosa estratexia de internacionalización do Sistema Universitario de Galicia, que o Goberno galego quere estender a máis países
  • Ademais das titulacións compartidas, as sete universidades participantes poderán intercambiar persoal, estudantes e impulsar proxectos conxuntos de investigación

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe a posta en marcha das primeiras 13 titulacións universitarias compartidas entre as tres universidades públicas galega e catro universidades arxentinas de referencia. Fíxoo nunha xornada de traballo celebrada na Cidade da Cultura na que, xunto coas correspondentes autoridades universitarias do país austral, se presentaron estes programas de doutoramento.

Román Rodríguez anunciou, ademais, que a Xunta está a estudar a posta en marcha dunha liña de apoio económico para contribuír tanto á matrícula gratuíta do alumnado de intercambio (é dicir, o galego que viaxe a Arxentina e o arxentino que veña a Galicia) como ao financiamento de parte das estadías de entre tres e seis meses que teñen que realizar no país de destino.

Tal e como explicou o conselleiro, “este é o primeiro froito do ambicioso acordo impulsado pola Xunta e asinado o pasado mes de novembro para a internacionalización do Sistema Universitario de Galicia da man de Arxentina, un país con que temos vínculos históricos que facilitan este intercambio”. “Tanto a Xunta como as tres universidades públicas galegas e as catro arxentinas que participan desta colaboración coincidimos en que, no actual contexto global, é preciso dar pulo á internacionalización da formación superior”, sinalou.

“O acordo, que hoxe empeza a materializarse, é unha oportunidade única para unir forzas en prol da mellor formación do alumnado e de compartir o talento de ambas beiras do Atlántico”, destacou o conselleiro. “Seguiremos avanzando nesta senda, para introducir novas titulacións e, ademais, estender este tipo de colaboracións a máis países”, salientou, indicando que o obxectivo final “é lograr que os alumnos poidan ter un dobre título de grao que os habilite para desenvolver o seu labor profesional tanto na Unión Europea como en América Latina”.

Representantes na xornada

No acto de hoxe participaron tamén, pola parte galega, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, Antonio López e Manuel Reigosa; o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña, Moisé Canle; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Juan José Nieto e Eduardo Pereira.

Pola banda arxentina, participaron o reitor emérito da Universidad Nacional de Tres de Febrero, Aníbal Alfredo Emilio Yazbeck; a vicerreitora da Universidad Nacional de San Martín, Ana María Llois; o decano da Facultade de Enxeñaría da Universidad Nacional de Lomas de Zamora, Diego Gastón, e a responsable de relacións internacionais da Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU), Sofía Farizano.

Tras a presentación das primeiro programas de doutoramento conxuntos celebrouse unha reunión de traballo de intercambio de experiencias e para seguir avanzando nos detalles do acordo.

Primeiros títulos e prazas

Os primeiros 13 programas de doutoramento compartidos impartiranse conxuntamente entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e as arxentinas de La Plata, Tres de Febrero, Lomas de Zamora e San Martín. Cómpre destacar que foi a axencia de calidade arxentina, a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU), a que as seleccionou por ser entidades de referencia.

Desde a sinatura do acordo traballaron na definición destas titulacións a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a CONEAU e as sete universidades participantes. Decidiuse comezar polos programas de doutoramento, por ser un proceso máis breve, pero o obxectivo é avanzar de xeito progresivo cara as titulacións de grao con validez en ambos países.

A relación de programas oficiais de doutoramento coa que arranca o desenvolvemento do acordo, e que se poderá ir incrementando nos próximos meses, é a seguinte: Ciencias de Materiais, Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias, Economía e Empresa, Ciencia e Tecnoloxía Química, Física Nuclear e de Partículas, Ciencias da Educación, Computación, Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Enxeñaría, Ciencias da Educación e do Comportamento, Comunicación, Nanociencia e Biomedicina, Enxeñaría Química.

A previsión é que comecen a funcionar no mes de febreiro de 2026, aproveitando os prazos habituais de matrícula nos programa de doutoramento do Sistema Universitario de Galicia (febreiro e setembro). Establecerase un cupo de prazas para que o alumnado galego se desprace a Arxentina e viceversa, que se concretará nos próximos meses. Tamén se está traballando para definir o reparto de programas de doutoramento entre as universidades galegas e arxentinas.

Intercambios e investigación

Ao abeiro deste acordos, ademais da impartición de titulacións conxuntas (que poderán ser tamén de grao e máster) e o intercambio de estudante, as universidades asinantes poderán tamén compartir diversa información académica e materiais e impulsar a organización conxunta de conferencias, simposios, cursos e seminarios.

Por outra banda, impulsarase a colaboración en materia de investigación, favorecendo tamén a mobilidade dos investigadores entre os países participantes, contribuíndo ao avance da ciencia.

Comparte este artigo