- Organizada en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico, desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública o 12 de xuño no marco da programación formativa do primeiro semestre
- O encontro diríxese a profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da xornada Narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico. O encontro desenvolverase o 12 de xuño na Academia Galega de Seguridade Pública e vai dirixido a profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros.
Segundo o programa previsto, na sesión de mañá haberá intervencións centradas na evolución do financiamento e branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, o concepto de blockchain e os tipos de criptoactivos e criptomoedas, así como as diferenzas entre eles. Abordaranse tamén o marco legal e as estratexias, ferramentas e técnicas de investigación. Xa pola tarde, haberá dúas mesas de debate, unha sobre casos reais resoltos polas distintas unidades policiais e outra sobre desafíos, propostas e recomendacións formuladas por representantes do ámbito xudicial, fiscal e membros das forzas e corpos de seguridade do Estado con experiencia directa na loita contra o crime organizado. A duración da xornada é de sete horas.
O obxectivo é achegarlles aos participantes información específica sobre as metodoloxías que usan as redes do crime organizado, en particular narcotráfico, para ocultar a branquear as ganancias a través de criptoactivos, así como as estratexias especializadas para a súa detección e intervención. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a partir de maña e ata o 9 de xuño ás 14,00 horas a través dos enderezos electrónicos agasp@xunta.gal e fundacióncontraelnarcotrafico@gmail.com, e do teléfono 900 102 300. O número de prazas dispoñibles é de 80.
A iniciativa conta tamén co apoio e a participación do tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía Superior de Galicia, Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Servizo de Vixilancia Aduaneira.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece accións formativas e divulgativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Así, a xornada Narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais enmárcase na programación formativa da academia para o primeiro semestre do ano, que suma medio milleiro de actividades, con 250 no eido da seguridade pública e outras tantas no das emerxencias.