- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP explica que xa está moi ultimado o plan director para planificar as actuacións para os próximos anos
- A intervención desenvolverase en tres fases, a primeira centrada no cambio da pista exterior e na mellora da accesibilidade, que comezará a tramitarse en 2026
- A Xunta investiu preto de 7M€ nos últimos anos nos centros de Sanxenxo, coa construción do novo CEIP Cruceiro ou a rehabilitación do Colexio de Portonovo
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, anunciou hoxe que a Xunta está a preparar un plan de obras para renovar, a medio prazo, as instalacións do Colexio Plurilingüe A Florida, nesta localidade pontevedresa. Tal e como explicou o titular do departamento educativo do Goberno galego “estamos a falar dun centro que conta con máis de 50 anos de antigüidade, cunha estrutura e accesibilidade complexa polo que, como é lóxico, precisa dalgúns axustes para adaptarse aos novos tempos, que estamos xa a planificar, e que contarían cun orzamento total estimado de 4,3M€”.
Para iso, a Consellería de Educación está moi ultimado un Plan Director, que se prevé rematar en outubro deste ano, para analizar as necesidades dos edificios que compoñen o colexio e estruturar as obras que se acometerán nos próximos anos. “A previsión inicial é desenvolver a intervención en tres fases, das que a primeira é a que está xa máis perfilada”, sinalou Román Rodríguez.
Neste sentido detallou que o Concello de Sanxenxo adquiriu unhas parcelas anexas ao centro educativo, que se aproveitarán nesta primeira fase para facer unha nova pista exterior cuberta con vestiarios, deixando libre o espazo que ocupa esta instalación na actualidade. Nos novos terreos executarase tamén un novo acceso peonil e zona de parada de autobuses. “A primeira fase incluiría tamén a mellora da accesibilidade do centro, así como da iluminación e ventilación natural”, engadiu o conselleiro. Segundo as estimacións iniciais a primeira fase suporía un investimento de 1,8M€ e a previsión é comezar a tramitala ao longo de 2026.
No que atinxe ás dúas fases restantes, cun orzamento de arredor de 1,2M€ cada unha delas e aínda por concretar detalles, o obxectivo é “facer melloras máis profundas a medio prazo no colexio”, indicou Román Rodríguez, incluíndo entre elas –na segunda fase– a rehabilitación integral do centro. Para isto acometeríanse melloras na súa eficiencia enerxética, incluíndo a renovación de luminarias e o cambio de caldeira, entre outras. Precisamente a redución do consumo enerxético e a mellora do benestar diario da comunidade educativa é un dos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros galegos, na que se enmarca a intervención prevista no CEIP Plurilingüe A Florida.
A terceira fase abranguería a ampliación dos patios e do edificio de Primaria, reformas interiores, melloras de urbanización e un novo peche, así como axustes na planificación vencelladas á demanda educativa.
Preto de 7€ en obras
O conselleiro de Educación quixo agradecer ao Concello de Sanxenxo a disposición a colaborar sempre na mellora dos centros educativos e destacou un investimento de preto de 7M€ da Xunta nos centro de Sanxenxo nos últimos anos.
Grazas a este esforzo inversor construíuse un novo centro, o CEIP Plurilingüe Cruceiro (5,2M€), acometeuse a rehabilitación integral e instalación dun ascensor no CEIP Plurilingüe de Portonovo (1M€) e cambiouse a cuberta do Instituto de Vilalonga (365.000€), entre outras melloras.