- O conselleiro de Educación participa na inauguración da cita en Pontevedra, que forma parte do calendario de feiras educativas da Xunta ‘Galicia Educa’
- Ademais do espazo expositivo de FP, participan na cita unha ducia de centros educativos, que fan demostracións e amosan os seus proxectos innovadores
- A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta cun posto fixo con información laboral e sobre emprendemento que ofrece ademais obradoiros de artesanía
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do 14º Salón da oferta de educación e formación de Galicia, Edugal, que se celebra desde hoxe ata o venres no recinto feiral de Pontevedra. A cita forma parte do calendario de feiras educativas Galicia Educa, co que o Goberno galego promove estes eventos, de tal forma que os centros educativos poidan organizar visitas do seu alumnado, ao tempo que se dan a coñecer as boas prácticas o ensino de toda a Comunidade.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou o potencial desta feira, unha das de maior envergadura e antigüidade. “Citas coma esta son moi importantes para que o alumnado e os docentes conten cun escaparate onde amosar orgullosos o magnífico e innovador traballo que se realiza nas aulas galegas día a día”, afirmou o conselleiro.
“Nestes eventos unen as súas forzas os distintos axentes e administracións implicadas na educación e son tamén unha boa mostra da igualdade de oportunidades que ofrece o ensino galego” -incidiu Román Rodríguez-. “Os máis de 70 expositores de Edugal reflicten a Galicia que queremos: formada, emprendedora e orgullosa da súa educación”.
Á inauguración tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, entre outras autoridades. O acto contou coa participación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, a cargo do concerto de apertura do evento.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, tamén asistiu hoxe á inauguración e volverá o venres para presentar no marco do evento o proxecto autonómico O camiño do emprendemento musical, dirixido á mocidade interesada en desenvolver a súa carreira no sector musical. Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, interveu hoxe na feira co relatorio Cando a IA responde: emprego, competencias e oportunidades, dando conta das vantaxes da ferramenta de intelixencia artificial EMi que xa ten propiciado nas 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia o perfilado competencial de máis de 76.500 persoas.
Espazo expositivo
A Consellería de Educación participa nesta 14ª edición de Edugal cunha ampla representación de centros educativos da contorna que imparten ensinanzas de Formación Profesional e de Ensinanzas Artísticas e para as persoas adultas. Situado xunto á entrada principal ao recinto, o espazo expositivo conta con 350 m² divididos nun stand central no que asesores e orientadores ofrecen información sobre a FP (oferta, acceso, saídas profesionais, acreditación de competencias, emprendemento, innovación, etc.) e espazos laterais nos que unha ducia de centros presentan a súa actividade e proxectos de innovación, da man dos seus docentes e alumnos.
En concreto, Edugal conta coa presenza dos centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo (os tres de Pontevedra), A Granxa (Ponteareas), Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Manuel Antonio, Valentín Paz Andrade e Audiovisual (os tres de Vigo) e Cantería de Galicia (Poio). Tamén dos institutos A Xunqueira (Pontevedra), de Vilalonga (Sanxenxo), de Teis e Politécnico (os dous de Vigo), da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra), da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Vigo) e da Escola de Adultos Río Lérez (Pontevedra).
Entre os proxectos presentados pódese ver un simulador forestal, un prototipo de vehículo eléctrico, diversas aplicacións da impresión 3D, produtos agrarios elaborados, viños, aceites… Tamén se organizan actividades para o alumnado visitante, como videoxogos educativos, talla de pedra, visualización de células a través de microscopio, etc. Ademais, ofrécense no salón showcookings e pases degustación, demostracións de peiteado e estilismo ou toma de tensión arterial, entre outros.
Por outra banda, o programa de actividades da feira inclúe o relatorio A Formación profesional ábreche as portas a un futuro de éxito, no que o xefe de servizo de Orientación e Innovación Profesional, Pablo Otero, achegará aos asistentes ás posibilidades que ofrece a FP o venres ás 12,00 horas.
Pola súa banda, o posto fixo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Edugal ofrecerá deica o venres información sobre a Rede de polos de emprendemento, sobre EMi ou sobre como preparar un CV, unha carta de presentación ou unha entrevista de traballo botando man da recepción por parte de dous robots. Haberá tamén obradoiros gratuítos de cerámica e estampaxe impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia e o Xogo de emprendemento para animar ás novas xeracións a crear os seus propios negocios.
FP PYME
Paralelamente a Edugal 2025, no propio Recinto Feiral de Pontevedra tamén se celebra estes días a IV Feira FP PYME, Conexión Dual: Practica + Emprego organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Esta feira ten como obxectivo relacionar o tecido produtivo empresarial da demarcación comarcal coa FP Dual, potenciando así a relación entre as empresas e os centros educativos, e conta con persoal da Xunta nas mesas redondas que se celebran dentro do seu programa.