Román Rodríguez destaca o programa Innovatech como escaparate da I+G+i na FP galega

Redacción
  • Salienta o récord de participación, con máis de 1.250 alumnos e docentes implicados, e agradece a confianza das empresas na formación que se dá nestas ensinanzas
  • Un total de 14 centros educativos de toda Galicia resultan premiados por traballos que dan resposta a retos tecnolóxicos de 20 empresas
  • As propostas premiadas incorporaranse á área de emprendemento do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para o seu desenvolvemento

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o programa InnovaTech FP como “un escaparate da I+G+i, a investigación e a innovación que se desenvolve na FP galega”. Na entrega dos premios da terceira edición do programa, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que deste certame naceu xa a primeira patente da FP galega, así como unha empresa. Isto demostra que estas ensinanzas “son unha oportunidade para o emprendemento do alumnado e tamén para o desenvolvemento dos sectores produtivos de Galicia”, incidiu.

Román Rodríguez salientou o récord de participación nesta terceira edición, con 254 equipos inscritos, compostos por 1.016 alumnos e alumnas e arredor de 240 docentes coordinadores. “É dicir, máis de 1.250 membros da comunidade educativa galega implicados en analizar os retos propostos polas empresas, investigar posibles solucións, poñelas en práctica e elaborar unha proposta final”, dixo. “Son un gran exemplo da Galicia Calidade que facemos entre todos”, engadiu.

Así mesmo, agradeceu a confianza das 20 empresas participantes no programa na FP galega. “Moitos dos que estades hoxe aquí repetides experiencia no programa InnovaTech, o que demostra que esta iniciativa funciona para todas as partes implicadas”, sinalou Román Rodríguez.

O conselleiro rematou felicitando a todos os participantes e, moi especialmente aos 14 centros galardoados. Entre eles, destaca o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade (Vigo), que obtivo o premio especial desta edición pola resolución do reto de Naturgy. Grazas a isto, visitarán o Centro de control de Hidráulicas da empresa en Ourense, viaxarán a Madrid para coñecer as instalacións da compañía e achegaranse ao Museo Bolarque, en Guadalajara, dedicado á industria eléctrica.

Cómpre destacar tamén que o CIFP Ferrolterra (Ferrol) acada catro premios, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) tres e o CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela) e o IES Politécnico de Vigo (Vigo) outros dous cada un.

Ademais, as 20 propostas premiadas incorporaranse á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, onde contarán cos medios dispoñibles para a súa incubación e aceleración, de tal forma que poidan derivar na creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica.

A relación de centros premiados e retos e a reflectida na seguinte táboa:

EMPRESARETOCENTRO GAÑADOR
1-NaturgyPresas con Futuro: Enerxía e Natureza en Equilibrio.CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo). Premio especial InnovaTech 2026
2-L’OrealInnovación dixital para a xestión integral de salóns de perruqueríaIES de Teis (Vigo)
3-VeoliaEconomía circular a través da peletización de residuos de desbasteCIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña)
4-FinsaValorización e novos usos das virutas de madeira de piñeiroCIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela)
5-elPulpoAplicación para a medición da rendibilidade do mobiliario en puntos de vendaIES García Barbón (Verín) e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense)
6-Fundación San RosendoA musicoterapia como ferramenta de benestar integralCIFP As Mercedes (Lugo)
7-DiesemmPlataforma intelixente para o impulso do turismo deportivoCIFP Universidade Laboral (Culleredo)
8-RepsolTrazabilidade intelixente de equipos e repostos no taller de instrumentaciónCIFP Montecelo (Pontevedra)
9-EBASistema de trazabilidade loxística e de procesos en fábrica de mobiliario de alta gamaCIFP Ferrolterra (Ferrol)
10-Grupo CuevasSistema de reciclaxe, depuración e aproveitamento da auga en procesos de pelado e cocción de castañasCIFP Ferrolterra (Ferrol)
11-WindWavesSistema automático para a montaxe e axuste de tubos en jackets offshoreCIFP Ferrolterra (Ferrol)
12-Grupo GestánSolucións circulares para a valorización de residuos complexosCIFP Someso (A Coruña)
13-QuescremIdentificación de canles colmatadas en membranas de ultrafiltración mineral e sistemas de limpeza non invasivosIES Politécnico de Vigo (Vigo)
14-HPPlataforma de vixilancia intelixente do tráfico marítimo en augas galegasCIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense)
15-Applus+Sistema de medida efectiva de caudais de baixo custo en colectores de saneamento eQsan+CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela)
16-Porto-MuiñosAplicación interactiva para descubrir o potencial gastronómico das algasCIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense)
17-GRI Towers GaliciaVisión artificial para a detección de defectos en láminas de aceiro de gran espesorIES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño)
18-CIE GalforDeseño de garras para a manipulación de pezas de forxa de aluminio sen marcas superficiaisIES Politécnico de Vigo (Vigo)
19-Rodríguez López AutoMellora de unións multimaterial a base selanteIES O Ribeiro (Ribadavia)
20-Grupo IntafCarro de ferramentas autónomoCIFP Ferrolterra (Ferrol)

Asesoramento do Eduardo Barreiros

O programa InnovaTech TP divídese en dúas fases. Na primeira delas, os centros inscritos reciben información sobre as actividades nas que as empresas presentan a alumnado e docentes os diferentes retos. Así mesmo, facilítaselles formación en metodoloxías áxiles para impulsar o proceso creativo e adquirir coñecemento clave que lles permitan afrontar os desafíos proposto e introducir innovación en produtos, servizos e modelos de negocio, entre outras competencias, a partires das que elaboran as súas propostas de solución aos retos das empresas.

Unha vez seleccionados os proxectos que pasan á segunda fase, os centros desenvólvenos co apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nesta segunda etapa reciben, a maiores, formación en técnicas clave como o prototipado, a creación dun produto mínimo viable, a validación de produtos ou técnicas de comunicación e marketing. Presentadas as propostas finais, os equipos realizan unha exposición das mesmas nunha xornada para que a comisión de selección escolla as solucións gañadoras que hoxe reciben o premio.

Comparte este artigo