O conselleiro de Educación, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, visita esta firma punteira no deseño de materiais sostibles para o sector da construción
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe en Pontevedra a empresa galega Birdmind, para coñecer de primeira man os proxectos de base innovadora que está desenvolvendo esta firma especializada na elaboración de materiais sostibles para os sectores da construción.
Na visita, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro gabou o compromiso desta empresa coa innovación tecnolóxica de Galicia e, especialmente, coa Formación Profesional “poñendo o seu saber facer ao servizo da calidade do noso sistema educativo”.
Non en balde o pasado curso Birdmind colaborou cos centros integrados de FP Paz Andrade de Vigo e A Xunqueira de Pontevedra para que puideran desenvolver unha solución tecnolóxica a un reto no marco do programa InnovaTech FP. Grazas a esta colaboración, os estudantes puideron empregar material patentado e producido por esta firma, o que lles permitiu desenvolver unha solución, denominada Ecoairbag, que consiste en embalaxes ecolóxicos fabricados con taboleiro de cascarilla de arroz, que foi galardoada co premio especial á mellor solución no InnovaTechFP 24-25.

