Rueda destaca que a Xunta destina 1,7 M€ a converter a Avenida Pazos Fontenla de Bueu nun bulevar accesible, verde e seguro

Redacción
  • O obxectivo é gañar espazo para os peóns con beirarrúas máis amplas ou novos espazos de descanso
  • Lembrou que se trata dun dos eixos vertebradores da vila que atravesan cada día unha media de 4.200 vehículos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a colaboración co concello de Bueu para a mellora e humanización dun treito da estrada PO-315 ao seu paso pola localidade. En concreto, o obxectivo é realizar unha transformación integral da avenida Pazos Fontenla para convertela nun bulevar accesible, verde e seguro. “O que se quere é adaptar unha rúa que vertebra Bueu, un concello que foi medrando, foi evolucionando e que precisaba esta adaptación”, sinalou, en referencia a unha vía que comunica co litoral e o casco urbano de Banda do Río e pola que cada día circulan unha media de 4.200 vehículos.

Rueda asinou un convenio de colaboración co alcalde do municipio, Félix Juncal, para levar a cabo esta obra que contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 70% (1,7 millóns) e o Concello, o resto. O obxectivo é gañar terreo para os peóns e transformar esta vía nun espazo público para desfrute dos veciños e visitantes. “As obras nas rúas das vilas fanse cada vez máis pensando nas persoas que transitan por elas, que viven nelas, que teñen os seus comercios nelas e que, polo tanto, queren contornas cada vez máis amigables”, asegurou. Para iso, realizaranse obras de mellora en algo máis dun quilómetro entre o cruzamento da Escola Náutica e a contorna da Fonte da Abilleira.

Tal e como sinalou o presidente, os traballos inclúen renovación do pavimento, ampliación das beirarrúas, incorporación de espazos de descanso e estacionamentos puntuais para dinamizar o comercio local así como substitución das redes de servizo de saneamento e abastecemento e a incorporación de solucións de drenaxe para reducir o risco de inundacións. Despois da transformación, será transferida ao Concello.

Na súa intervención agradeceu a colaboración da Administración local e destacou a importancia de “colaborar cos concellos que queren facer cousas ambiciosas e que queren seguir renovando os lugares onde viven os veciños”.

A Xunta e este municipio xa traballan de xeito conxunto noutros proxectos como unha nova senda peonil que comunicará os núcleos de Lapamán, Cela e Castrelo, cun orzamento de 875.000 €. Do mesmo xeito, o presidente salientou que Bueu é un dos concellos que cedeu terreos ao Goberno autonómico para construír vivenda pública. En concreto, vanse habilitar 21 vivendas de promoción pública na zona das Lagoas.

Comparte este artigo