Rueda pon en valor que a xunta está acondicionando máis de 400 quilómetros de estradas autonómicas

Redacción
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visita a obra do desdobre do corredor galego 1.5 Brión-Noia, 26/05/26.
  • Supón un investimento de case 54 millóns de euros no conxunto das catro provincias galegas
  • Tamén se acometerán melloras en materia de sinalización

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que o Goberno galego está acondicionando e mellorando máis de 400 quilómetros de estradas autonómicas co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e conseguir unha mobilidade máis fluída.

Tal e como sinalou nun vídeo difundido a través da redes sociais, manter e mellorar as estradas “é unha das nosas prioridades”. Estas actuacións supoñen, no que vai de ano, un investimento de case 54 millóns de euros, que se distribúen entre as catro provincias galegas.

Nos traballos que se acometen inclúense todo tipo de actuacións como a mellora de firmes, corrección de curvas ou o redeseño de interseccións, de forma que se modernizan as infraestruturas e se adaptan as necesidades actuais do tráfico. “Facer estradas novas está moi ben, pero manter e conservar as que xa existen tamén é igual de importante”, salientou o presidente da Xunta.

Ademais destas actuacións de conservación, a Xunta tamén acometerá melloras en materia de sinalización horizontal, isto é, nas marcas viarias pintadas nas estradas autonómicas.

Por último, o titular do Executivo autonómico apelou ao que o resto de administracións fagan o mesmo esforzo á hora de manter e coidar as estradas que son da súa competencia.

Comparte este artigo