HomeXunta de GaliciaRueda reivindica en Ferrol a importancia de investir nun rural no que...

Rueda reivindica en Ferrol a importancia de investir nun rural no que se xere emprego

- Anuncio -spot_img

— No primeiro semestre creáronse máis de 2.500 sociedades en Galicia, un 2% máis que o ano anterior

— Pon en valor a importancia de dar todas as facilidades posibles aos que queiran emprender no rural

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe en Ferrol na clausura do Congreso anual de AJE Galicia, titulado “Construíndo futuro: reconversión empresarial e impulso do rural”, onde puxo en valor a importancia de investir nun rural no que se xere emprego: “Se queremos economía, hai que tomar decisións. Hai que seguir avanzando en dotar ao rural de servizos imprescindibles”, salientou.

En palabras do presidente, estes servizos prioritarios son algúns como a conectividade enerxética ou os servizos tecnolóxicos, que dean “unha boa cobertura para a empresa”. E incidiu na importancia de aproveitar aquelas iniciativas que aporten á economía do rural: “Non hai que dicir por sistema que non se se plantexan grandes proxectos dinamizadores que aproveiten os recursos que hai na zona”, salientou.
No primeiro semestre creáronse máis de 2.500 sociedades en Galicia, un 2% máis que o ano anterior, e a confianza empresarial medrou un 3,5% no terceiro trimestre, situando á Comunidade por riba da media estatal. Para o titular do Goberno galego, estes datos son posibles grazas ao esforzo de persoas emprendedoras que impulsan proxectos e xeran novas oportunidades.

Neste sentido, o presidente destacou a importancia de apostar polo emprendemento no rural “dando todas as facilidades para que se fixe no rural, os mozos non se vaian e se siga xerando emprego”. Agora mesmo se están a mobilizar recursos sen precedentes, como os 36 millóns de euros para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro.

Para iso, apuntou que se pode facer garantindo a remuda xeracional, dando facilidades “para que as seguintes xeracións non escollan outras opcións, senón que vexan que aquí se pode seguir mellorando e medrando”, e tendo boas comunicacións.
Rueda concluíu apelando á responsabilidade de todas as Administracións públicas en traballar polo futuro do rural, e a que se traballe unidos para tomar as medidas que sexan necesarias: “As Administracións temos que poñer os medios, temos que ser intelixentes. Temos razóns para o optimismo pero eu prefiro ter razóns para o realismo”, rematou o presidente.

Publicacións Relacionadas