- O balonmán galego que xa é a quinta federación galega con maior número de licenzas federativas ata un total de 11.000 sendo o 40% de mulleres e unhas 3.000 de balonmán praia
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no serán de hoxe a ‘Xira Galega de Balonmán Praia’ que se desenvolverá nos meses de xuño e xullo na praia Banda do Río de Bueu. O mandatario galego destacou a relevancia que nos últimos anos colleu esta especialidade deportiva en Galicia e remarcou a súa importancia xa que nos últimos Xogos Olímpicos de París celebrouse un torneo de exhibición de balonmán praia. “De seguro que esta disciplina contribuirá a engrandecer o noso palmarés deportivo, como xa ocorreu con outras recentemente integradas no programa olímpico como baloncesto 3×3, surf, skate ou escalada”, asegurou.
Lete Lasa destacou os fitos do balonmán galego que xa é a quinta federación galega con maior número de licenzas federativas ata un total de 11.000 sendo o 40% de mulleres e unhas 3.000 de balonmán praia. Neste sentido lembrou a tempada 96/97 na que catro equipos galegos competiron na máxima categoría nacional -Cangas, Teucro, Octavio e Chapela- ou o subcampionato europeo das rapazas do Balonmán Porriño nesta mesma tempada.
Nos meses de xuño e xullo a praia Banda do Río de Bueu acollerá os catro eventos da ‘Xira Galega de Balonmán Praia’ nos que participarán uns 90 equipos e 1.200 participantes en cinco categorías, masculinas e femininas: alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior. O segundo deles, entre o 26 e o 29 de xuño, será a proba denominada Xunta de Galicia que outorgará unha praza en cada unha das categorías para o Arena 1000 de Cádiz, unha das cinco probas nacionais do Arena Handball Tour que, este ano, contará cunha proba galega, que se celebrará en Sanxenxo entre o 4 e o 6 de xullo, organizada tamén pola Federación Galega de Balonmán e co apoio da Xunta de Galicia.