Sinala que Galicia prosperará se conta con medios de comunicación fortes que combatan a desinformación
Destaca a labor do premiado para converter a Abanca nunha entidade sólida, de confianza e que aposta pola súa obra social
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel do xornalismo profesional á hora de combater os perigos da desinformación que considera unha das principais ameazas ás que se enfrontan os sistemas democráticos e o conxunto da sociedade.
Durante a entrega do LXVI Premio Fernández Latorre ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, Rueda lembrou a figura do recentemente falecido propietario do diario La Voz de Galicia e que da nome ao premio, alguén que “entendía Galicia desde unha visión ambiciosa”, e salientou a representación no acto da Galicia plural e potente “que queremos construír entre todos”.
Na súa intervención, o titular do Executivo galego reivindicou recuperar o crédito das institucións e o “bo xornalismo” como fórmulas para combater os perigos da desinformación, ademais de sinalar que Galicia prosperará se conta con “medios de comunicación fortes”.
Sobre o galardoado, o presidente da Xunta salientou o seu labor para converter Abanca nunha entidade financeira sólida ao servizo das empresas e particulares e apostando por incrementar a súa obra social. Ademais agradeceu que esta entidade financeira manteña a súa sede en Galicia e exerza de embaixador da identidade galega por todo o mundo, xa que, en palabras do presidente, o éxito empresarial “sempre é moito mellor se vai aparellado ao éxito da terra na que se desenvolve”.