- Sinala a necesidade de potenciar o desenvolvemento enerxético para acadar o progreso industrial e o emprego de calidade e compromete o apoio do Executivo autonómico a todas aquelas iniciativas que cumpran as normas
- Reclama ao Goberno central que aposte por un marco regulatorio no que poida prosperar o sector renovable
- Louva o labor do premiado “por pensar sempre no ben común e nos intereses de Galicia”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a importancia de impulsar o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia para aproveitar as oportunidades que se presentan: “As fábricas, a potencia económica, o futuro dos territorios e a enerxía van da man. Sen progreso industrial, non hai emprego de calidade e emprego de futuro. Eu vou defender con toda a convicción que as iniciativas industriais que cumpran as normas e sexan respectuosas teñen que ser benvidas en Galicia e ser unha fonte de esperanza”, salientou Rueda.
Así o asegurou durante a entrega do LXVI Premio Fernández Latorre ao expresidente da Xunta Fernando González Laxe. Na súa intervención, Rueda manifestou a importancia dos portos na transición enerxética da comunidade, a través de proxectos ligados ao hidróxeno verde e a eólica mariña, entre outros.
Iniciativas que, tal e como apuntou, confirman que Galicia está en posición de ser unha potencia en enerxías limpas polo que reclamou ao Goberno central que aposte por un marco regulatorio no que poida prosperar o sector renovable para poder cumprir así coa directriz europea de avanzar en autonomía estratéxica: “Cando tes claro que algo é bo, desde as institucións públicas hai que defendelo con convicción. Con respecto ás opinións contrarias, pero con firmeza”, destacou.
Ademais, Rueda asegurou que a Administración autonómica seguirá reclamando as competencias coa autoestrada do Atlántico, a coordinación dos servizos meteorolóxicos e a xestión dos permisos de traballo, ao tempo que seguirá pulando pola “imprescindible” reforma do financiamento autonómico e a baixada do IVE no peixe e marisco para facer fronte á suba da cesta da compra e impulsar o seu consumo: “Non aspiramos a desmarcarnos do resto do noso país. Aspiramos a contribuír desde aquí a que as cousas vaian cada vez mellor. Co convencemento de que temos moitísimo que achegar e tamén moitísimo que reivindicar”, declarou.
A importancia destes premios
O presidente da Xunta tamén quixo aproveitar a ocasión para louvar ao premiado, Fernando González Laxe, por “pensar sempre no ben común e nos intereses de Galicia”, e manifestou a súa admiración polo traballo feito á fronte do Goberno galego. Un labor que el confía en saber valorar: “O papel do presidente non é ser opositor dos seus predecesores, senón saber aprender e valorar todo aquilo bo que fixeron. Valorar o que se fixo, porque todos queremos acertar. Para preservar o que funciona e intentar corrixir aquilo que pode ser mellorado”, expresou o titular da Xunta.
Ademais, Rueda tamén quixo agradecer á Fundación Santiago Rey Fernández Latorre e a todo o grupo de La Voz de Galicia polo seu traballo en favor de Galicia: “Estou seguro de que o editor honorario desta casa estaría moi orgulloso de ver como La Voz de Galicia segue sendo un referente de xornalismo de calidade, de xornalismo comprometido”, apuntou. E manifestou o que cree que supón este acto para toda a comunidade: “A entrega deste premio din moitas cousas. Sobre todo, evidencia que en Galicia aínda valoramos, respectamos e preservamos ás institucións e ás persoas que as lideraron”, resaltou o presidente.



