Turismo de Galicia destaca a excelencia do Xardín do Pazo Quinteiro da Cruz, recoñedico co Premio Acanthus

Redacción
Lectura mínima de 3
  • O galardón pon en valor o proxecto ‘A casa de té no bosque’, exemplo de integración entre patrimonio, cultura e turismo sostible en Galicia
  • O Pazo Quinteiro da Cruz está presente en diversas iniciativas de Turismo de Galicia, como a Ruta da Camelia en Flor, os Trens Turísticos da Ruta da Camelia e a exposición ‘Camelia, Flor de Galicia’

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, coñeceu hoxe o proxecto ‘A casa de té no bosque do Pazo Quinteiro da Cruz’ que resultou recoñecido co Premio Acanthus de Prata na categoría de Desenvolvemento cultural e turismo sostible concedido polo Itinerario Europeo de Xardíns Históricos (IEJH). O galardón recoñece a aposta pola excelencia na conservación e dinamización do patrimonio de xardíns históricos.

Durante a visita ao espazo natural, Xosé Merelles gabou a “extraordinaria calidade do xardín e a súa capacidade para combinar tradición botánica, valor arquitectónico e proposta cultural innovadora”, subliñando o papel deste espazo como referente no ámbito europeo.

Segundo explicaron os responsables do Pazo Quinteiro da Cruz, o proxecto premiado consiste na creación dunha casa de té sostible integrada nun xardín histórico, que combina principios de permacultura con desenvolvemento cultural e turístico. Esta proposta mellora a experiencia das persoas visitantes ao tempo que promove prácticas ecolóxicas, a biodiversidade e a difusión da cultura do té. A entrega do premio terá lugar durante o Foro Europeo de Xardíns Históricos en Atenas, do 7 ao 9 de outubro de 2026.

O Pazo Quinteiro da Cruz, que conta coa certificación de Excelencia Internacional, consolídase así como un recurso singular que contribúe a incrementar o atractivo turístico de Galicia.

Así, segundo explicou Xosé Merelles, “o Pazo está presente en diversas iniciativas de Turismo de Galicia, como a Ruta da Camelia en Flor —un produto turístico único en España—, os Trens Turísticos da Ruta da Camelia e a exposición ‘Camelia, Flor de Galicia’. Esta ruta, creada en 2005 en colaboración coa Sociedade Española de la Camelia, integra actualmente 19 recursos singulares nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou a posta en valor do patrimonio cultural, natural e artístico de Galicia como elemento clave desestacionalizador, especialmente combinando elementos como a camelia con actividades complementarias vinculadas á enogastronomía, o turismo de natureza e o patrimonio arquitectónico. Trátase dunha estratexia que reforza a imaxe de Galicia como destino sostible e diversificado.

Este recoñecemento, creado polo Itinerario Europeo de Xardíns Históricos en 2025 en Bruxelas no marco do VIII Foro Europeo de Xardíns Históricos, premia iniciativas sobresaíntes na preservación, restauración e promoción dos xardíns históricos. O nome do galardón está inspirado na folla de acanto, símbolo da relación duradeira entre natureza e creatividade, elementos esenciais na identidade cultural europea.

Comparte este artigo