– Inclúese información promocional da contorna e tamén recursos de alimentación e de artesanía do ámbito do Cebreiro, Samos e Triacastela
-Esta parada é unha das accións incluídas neste proxecto europeo que busca dinamizar economicamente as contornas rurais xacobeas e fomentar a dixitalización
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou hoxe no punto de Información do Camiño en O Cebreiro a Parada do Camiño, un espazo físico de información e promoción de produtos e servizos locais das áreas de influencia de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e Samos, no marco do proxecto europeo de cooperación transnacional Ultreia_Sudoe, no que participan, ademais de Galicia, diferentes territorios de España, Portugal e Francia integrados na Federación Europea dos Camiños de Santiago.
Como explicou durante a visita, trátase dunha iniciativa coa que permitirá afondar “no desenvolvemento socioeconómico das contornas rurais xacobeas, poñendo en valor o local e fomentando a promoción dos produtos e servizos galegos entre os turistas pero tamén entre os, cada vez máis numerosos peregrinos chegados de diferentes partes do mundo”. De feito, as Paradas no Camiño funcionan como escaparates físicos que achegan a peregrinos, turistas e visitantes a oferta artesanal, agroalimentaria e cultural dos territorios atravesados polos Camiños de Santiago”.
Así, ademais da de O Cebreiro, instalaranse paradas similares nos territorios do resto de socios do proxecto europeo en Vilapouca de Aguiar (Portugal), Belorado (Castela e León), Lamasón (Cantabria) e Eauze, no departamento do Gers, en Occitanie (Francia).
O proxecto Ultreia_Sudoe traballa na creación dunha estratexia transnacional común de xestión dos Camiños de Santiago no suroeste europeo. Ademais das Paradas, o programa inclúe a constitución de Hubs de Dinamización Local —compostos por representantes de entidades públicas e privadas dos municipios implicados— e actuacións de dixitalización mediante a instalación de sistemas automatizados de reconto de afluencia de visitantes que garanten a privacidade das persoas.
O director de Turismo de Galicia destacou tamén o enfoque inclusivo da iniciativa xa que, como indicou, trabállase para que o Camiño sexa de todos e para todos. Por iso este proxecto incorpora criterios de accesibilidade e inclusividade que garantan un turismo respectuoso, consciente e auténtico, ao tempo que xera un desenvolvemento económico e social sostible para as comunidades locais”.
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo participa no proxecto como beneficiaria, en colaboración coa Fundación Camino Lebaniego, entidade principal que coordina e xestiona a iniciativa no seu conxunto. Tamén forman parte a Fundación Santa María a Real; Agence française des chemins de Compostelle; Municipio de Vila Pouca de Aguiar; Asociación de Municipios do Camiño de Santiago; Asociación AMICA; Universidade NOVA de Lisboa.

