Turismo de Galicia pecha con éxito as xornadas sobre a eclipse solar impartidas a máis de 200 profesionais

Redacción

-O director de Turismo de Galicia participou na sesión de clausura que estivo dirixida a informadores e guías do sector turístico para divulgar a oportunidade desta cita

-Xosé Merelles salientou a importancia da coordinación, planificación e organización de forma segura nun evento “no que Galicia será un destino privilexiado para a observación”

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, valorou hoxe moi positivamente os resultados do ciclo de xornadas divulgativas ao redor da eclipse a Turismo de Galicia leva realizando desde o mes de marzo por distintos puntos de Galicia e que contou con máis de 200 asistentes, profesionais do sector turístico que recibiron pautas e información sobre este evento astronómico e turístico.

Así o manifestou durante a sesión de clausura deste ciclo que se celebrou hoxe no Centro de Hostelería de Galicia (CSHG) para profesionais do sector turístico en contacto directo co público final, como o persoal das oficinas de Turismo da Xunta de Galicia, a área de Feiras e informadores de Turismo de Galicia ou as persoas asociadas da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia – APIP.

O director de Turismo de Galicia calificou de “éxito” a serie de xornadas divulgativas, que, ante a convocatoria de público rexistrada, “constatan o interese do sector turístico por este evento que vai dinamizar numerosos concellos galegos”. As xornadas, organizadas por Turismo de Galicia, deron cobertura a todas as provincias e áreas de visualización da eclipse e celebráronse en Lalín, Chantada, As Mariñas Coruñesas, Oia e Fornelos de Montes, Trevinca, Costa da Morte e Ancares lucenses.

“Turismo de Galicia traballa da man dos distintos axentes implicados na preparación deste evento astronómico  e a promoción do destino Galicia para a observación da eclipse de forma segura, na que o visitante desfrute dunha experiencia única e de calidade”, incidiu Merelles.

Eclipse do 12 de agosto

Galicia será a porta de entrada na Península Ibérica da eclipse, que atravesará o territorio desde Estaca de Bares ata a comarca de Valdeorras. En concreto, 143 concellos galegos situaranse na zona de observación privilexiada deste fenómeno, que acadará o seu punto de máxima escuridade entre as 20:28 e as 20:30 horas.

É a primeira vez desde o ano 1912 que se observa unha eclipse total na Península, e non volverá a repetirse ata 2180. A súa coincidencia coa primeira quincena de agosto, en tempada alta, fai prever uns niveis de ocupación de aloxamentos superiores ao 90%, con presenza significativa de visitantes internacionais.

Para xestionar de maneira eficiente e segura este fenómeno a nivel organizativo, en xaneiro de 2026 a Xunta de Galicia constituíu unha comisión interdepartamental na que participan, ademais de Turismo de Galicia, representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Sanidade; Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Está en marcha tamén un espazo web propio de información turística vinculada á eclipse, no que se poden consultar os concellos situados na franxa de totalidade, os horarios exactos e porcentaxe de cobertura segundo localización e outros datos de interese para poder planificar a visita e visualizar o fenómeno de forma segura.

Comparte este artigo