Turismo de Galicia suma o restaurante O Laberindo a Galicia Calidade para reforzar a oferta turística de excelencia

Redacción
  • Coa esta incorporación, son xa 35 establecementos turísticos con servizos certificados
  • O selo de garantía suma na actualidade un total de 148 empresas con produtos e servizos certificados

O director de Turismo, Xosé Merelles, fixo entrega hoxe do selo de certificación de Galicia Calidade ao establecemento pontevedrés O Laberinto, ubicado en Sanxenxo. No acto, no que estivo acompañado pola directora-xerente do selo de garantía, Ana Méndez, asinouse o contrato co establecemento e tamén se realizou unha visita ás súas instalacións.

O Restaurante O Laberinto está situado no Porto de Sanxenxo, cunhas vistas inmellorables da costa pontevedresa. Destaca polo coidado nos seus pratos, fundamentalmente mariscos e peixes da zona, aínda que tamén conta cunha ampla carta. Con esta incorporación, Galicia Calidade conta na actualidade con 35 establecementos do sector turístico con servizos certificados. Ata 30 destes establecementos correspóndense co ámbito da restauración, moitos deles combinando co servizo de hospedaría.

No municipio de Sanxenxo, a marca de garantía conta na actualidade cun total de cinco establecementos turísticos certificados no ámbito da restauración: O Berberecho, Hotel Nanín,  Gran Talaso de Sanxenxo, o citado O Laberinto e o Nauta Sanxenxo. Ademais, tamén conta coa distinción de Galicia Calidade o Nauta Sanxenxo, no apartado de actividades náuticas deportivas.

Xosé Merelles agradeceu ao Restaurante O Laberinto a confianza depositada no selo Galicia Calidade, unha “marca de referencia e de recoñecido prestixio a nivel nacional, tanto no ámbito gastronómico como tamén no ámbito turístico”. Estamos convencidos, engadiu, “que esta certificación serviralle ao Laberinto para posicionarse mellor entre os milleiros de persoas que visitan Sanxenxo cada ano, un referente no turismo galego, que o demostran as cifras que cada ano melloran as do exercicio anterior”.

148 empresas certificadas

Con esta incorporación a marca de garantía conta na actualidade cun total de 148 empresas con produtos e servizos certificados de todos os sectores da economía galega, onde o turismo e a gastronomía supoñen máis do 60% do total.

Comparte este artigo