Un total de 56 restaurantes finalizaron este curso a súa formación en hospitais e centros de saúde da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Redacción

–  O acto de despedida dos Residentes da área de saúde acolleu hoxe en Montecelo unha conferencia maxistral da catedrática de Ética e Deontoloxía da Universidade de Vigo, María Cristina Caruncho Michinel, que versou sobre “Os Boomers ante a relación médico-paciente

–  En representación dos Residentes que remataron a súa formación tomaron a palabra o EIR de Enfermaría Familiar e Comunitaria Adrián Parada Barral, e a Residente de Endocrinoloxía e Nutrición María Esther Proaño Fierro, que aportaron unha ampla perspectiva e visión do día a día deste colectivo en formación

–   Os responsables asistenciais e docentes invitaron aos profesionais que remataron o seu programa formativo na Área Sanitaria a continuar actualizando coñecementos para unha maior calidade asistencial, co obxectivo da prioridade do benestar da poboación

Un total de 56 residentes finalizan este curso a súa formación nos centros da rede de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Con motivo deste remate de ciclo, na mañá de hoxe celebrouse a despedida oficial deste colectivo nun evento institucional que reuniu a profesionais e docentes no salón de actos do Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés.

Ao longo deste acto -que contou coa asistencia do Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, o presidente da comisión de docencia de Atención Hospitalaria, o doutor Luís Anibarro García, a presidente da comisión de docencia de Medicina Familiar e Comunitaria, a doutora Yolanda Fernández Veiga, a presidente da subcomisión de docencia de Enfermaría Hospitalaria, Cristina Sanmartín Chapela e o presidente da subcomisión de docencia de Enfermaría Familiar e Comunitaria, Benito Durán Sineiro- deron a despedida coas súas intervencións a estes 56 Residentes -deles, 21 son médicos de familia, 23 médicos de especialidades hospitalarias, 2 matronas, 8 enfermeiras de familia, 1 enfermeira pediátrica e 1 enfermeira de saúde mental- e subliñaron que o Servizo Galego de Saúde continúa a formar novos profesionais nun entorno sanitario que se atopa nunha dinámica de permanentes cambios e progresos tecnolóxicos motivadores.

A este respecto, cómpre sinalar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés dispón na actualidade dun total de 89 titores -46 deles imparten docencia no eido da Atención Primaria e 43 forman en Atención Hospitalaria-.

Actualización de coñecementos

Así mesmo, estes responsables asistenciais e docentes invitaron aos profesionais que remataron o seu programa formativo na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés a continuar actualizando coñecementos para acadar unha maior calidade na actividade asistencial, mantendo a prioridade do benestar da poboación, aproveitando ao máximo os retos que a partires de agora terán no Sistema Sanitario Público.

Conferencia maxistral e intervencións de residentes

Este acto académico de despedida dos Residentes da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés acolleu hoxe en Montecelo unha conferencia maxistral da catedrática de Ética e Deontoloxía da Universidade de Vigo, María Cristina Caruncho Michinel o, que versou sobre “Os Boomers ante a relación médico-paciente”.

Así mesmo, en representación dos Residentes que remataron formación na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, tomaron a palabra o EIR de Enfermaría Familiar e Comunitaria Adrián Parada Barral, e a Residente de Endocrinoloxía e Nutrición María Esther Proaño Fierro, que aportaron unha ampla perspectiva e visión do día a día deste colectivo en formación no entorno asistencial, glosando a relevancia da aportación profesional e persoal dos titores e profesionais durante todo este período .

Comparte este artigo