— O conselleiro de Educación presenta as sedes nas que se desenvolverán os exames, cun mes de adianto para facilitar que os aspirantes poidan organizarse
— A eliminación da obriga dos interinos de presentarse ao proceso permite mellorar a ratio de opositores por tribunal, 102 este ano fronte aos 112 da edición anterior
— Encargaranse de velar polo correcto desenvolvemento das probas un total de 156 tribunais, compostos por 2.184 persoas
— Os case 16.000 aspirantes poden optar a 1.601 prazas, o 87% delas de novo ingreso e as restantes de promoción interna
— Un ano máis, a Xunta esgota o 120% da taxa de reposición, o que permitirá consolidar Galicia como a comunidade con maior estabilidade no emprego docente
Un total de 60 centros educativos de 15 localidades galegas acollerán a partir do vindeiro 20 de xuño as oposicións do ensino convocadas pola Xunta para este 2026. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Tal e como explicou, como novidade este ano os interinos non teñen a obriga de presentarse ao proceso se non desexan facelo, segundo se acordou cos sindicatos CCOO, ANPE, UGT e CSIF. “Isto supón, como é lóxico, que diminuíu o número de persoas inscritas no proceso, que este ano son un total de 15.954 persoas”, segundo os datos provisionais, fronte aos 20.520 inscritos no ano 2025. “Isto serve para mellorar a relación de persoas opositoras por tribunal”, destacou o conselleiro. “Polo tanto, estamos a falar de 102 aspirantes por tribunal, cando o ano pasado eran 112”, incidiu.
Román Rodríguez salientou, ademais, a gran envergadura da loxística que implica estas probas, “que supón mobilizar 780 persoas para formar parte dos 156 tribunais que xulgarán o procedemento selectivo, 2.184 se contamos tamén os tribunais suplentes”. “En definitiva, un complexo operativo para garantir o óptimo funcionamento de todo o proceso”, afirmou.
“Queremos dar toda a información posible ás persoas opositoras para que tamén poidan ir organizando a súa propia loxística de cara ao día das probas e, de feito, faltan menos de dous meses para os exames e xa temos preparado boa parte do dispositivo”, afirmou Román Rodríguez, indicando que este ano as sedes se presentan case un mes antes ca en 2025.
Sedes e tribunais
En canto ás sedes concretas, na provincia da Coruña serán a propia cidade herculina, Ames, Culleredo, Ferrol e Santiago de Compostela; na de Lugo, a cidade da Muralla e Rábade; na de Ourense, a cidade das Burgas e, na de Pontevedra, a cidade do Lérez, Lalín, Poio, Silleda, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 81; mentres que para mestres haberá 66 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional haberá 7 e para a acreditación do coñecemento de galego, dous tribunais.
Por provincias, haberá 67 na da Coruña, 21 na de Lugo, 15 na de Ourense e 53 na de Pontevedra. A provincia con máis opositores é, en consonancia, a da Coruña, con 6.744 opositores, seguida da de Pontevedra, con 5.589. Na de Lugo están inscritos 2.137 opositores e na de Ourense 1.484.
Estabilidade do profesorado e mellora das ratios
O conselleiro cualificou este novo proceso selectivo como unha nova mostra da aposta da Xunta de Galicia pola estabilidade no emprego docente. “Somos, desde hai anos, a comunidade con menor porcentaxe de interinos no ensino”, lembrou, cifra que se seguirá mellorando unha vez estean resoltas estas probas.
A este respecto, detallou que as oposicións non só serven para estabilizar interinos que aínda non teñen praza, senón tamén para abrir as portas do ensino a novos profesores. “De feito, nas últimas convocatorias xa empezamos a incorporar os primeiros docentes nacidos no século XXI”, lembrou. Ao mesmo tempo, ofrécese aos docentes que xa teñen praza a posibilidade de avanzar na carreira profesional a través da promoción interna.
“Contamos, un ano máis, cunhas oposicións de máximos que, con 1.601 prazas, supoñen esgotar o 120% da taxa de reposición, malia ao contexto de menor número de alumnos”, abondou Román Rodríguez. Sinalou, ademais, que este proceso van facilitar tamén “a mellora progresiva das ratios que Galicia está a impulsar por iniciativa propia e que a partir de setembro suporá que todas as aulas de Educación Infantil van ter un máximo de 20 alumnos.
Calendario e prazas
Os exames das oposicións comezarán o vindeiro 20 de xuño e a previsión é telos rematados e cos resultados dispoñibles a partir do 19 de xullo. A continuación, as persoas que obteñan praza deberán participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais, que se resolverá a principios do mes de agosto. O obxectivo é que os novos funcionarios se incorporen aos centros o 1 de setembro.
As oposicións de 2026 elevan a 21.698 as prazas convocadas desde 2009 pola Xunta no ensino. Das 1.601 prazas convocadas, case o 87%, un total de 1.388 prazas son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario.
Por corpos, no de mestre hai 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.
A convocatoria fai fincapé no reforzo de áreas clave como a atención á diversidade, cun total de 136 prazas para mestres especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, ou a aprendizaxe das linguas estranxeiras, cun total de 229 prazas en inglés e 54 prazas en francés. Convocáronse tamén algunhas especialidades nas que se estaba esgotando as listaxes de substitucións, como é Latín en Secundaria, con 35 prazas, ou Soldadura no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, con 14 prazas.

