A convocatoria, que dá continuidade á liña impulsada desde 2022, estará aberta ata o 7 de decembro
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá a Xornada informativa sobre as axudas á eficiencia enerxética. O evento celebrouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e se puido seguir tamén por streaming.
O director de Turismo de Galicia destacou que esta nova convocatoria proba que “a Xunta de Galicia aposta por un sector turístico máis eficiente e sostible, máis competitivo, innovador e respectuoso co medio ambiente, promovendo a redución do consumo enerxético no sector e impulsando o uso de enerxías renovables, co obxectivo de reducir a pegada de carbono derivada da súa actividade”.
No ano 2025, Turismo de Galicia investiu máis de 11M€ a obras de eficiencia enerxética en establecementos do sector. Desde 2022, lembrou Merelles, a Xunta “vén impulsando esta liña de apoio, cun investimento global de máis de 14M€ e 200 establecementos turísticos beneficiados”.
A convocatoria de 2026 abriuse o pasado 7 de setembro e pechará o 7 de decembro. Nese prazo de tres meses, as empresas poden optar a parte dos 9M€ para os exercicios 2026 e 2027. A cantidade da axuda dependerá do aforro enerxético acadado coas actuacións, sempre que cheguen ata un mínimo de mellora do 30% en aforro enerxético.
Ademais, para poder optar a elas, os proxectos deberán ter un carácter integral e combinar actuacións de eficiencia enerxética con investimentos en enerxías renovables en establecementos de aloxamento e restauración.
Así, entre as actuacións subvencionables están a mellora da envolvente dos edificios, a renovación da iluminación por sistemas máis eficientes, así como a implantación de instalacións de enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia e sistemas fotovoltaicos para autoconsumo.

